Fortes ventos azoutan A Coruña

Fortes ventos azoutan A Coruña

13 de Novembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Culleredo

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza alerta dun novo fenómeno meteorolóxico adverso de nivel de alerta laranxa por choivas, que afectará á Comunidade autónoma galega a partir da madrugada de mañá sábado. Segundo as previsións da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), as precipitacións acumuladas poderán acadar os 80 mil&iac

Os refachos de vento poderán superar os 110 quilómetros á hora no noroeste e oeste da provincia da Coruña, na Mariña e nas zonas de montaña de Lugo. En Pontevedra, será nas Rías Baixas e nas comarcas do Miño onde os refachos de vento chegarán aos 90 quilómetros á hora.Con respecto á situación no mar, hai que lembrar que o mar de vento dará lugar a áreas de mar moi grosa e a intensidade do vento soprará con Forza 8 e, incluso, Forza 9. As ondas irán en aumento ata acadar os 5 metros de altura nas augas costeiras da Comunidade Autónoma. Así, co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación de meteoroloxía adversa a todos os concellos da Comunidade, aos organismos provinciais, autonómicos e estatais, aos efectivos dos parques de bombeiros de toda Galicia e ás empresas que pola súa actividade poidan verse afectadas.

Debido á intensidade das choivas que se agardan para o vindeiro domingo, este departamento aconsella reducir, na medida do posible, os desprazamentos e no caso de realizárense axeitar a velocidade ás condicións da vía, xa que se poden producir desprendementos de terra ou árbores. Igualmente, a Dirección Xeral de Emerxencias Interior insiste na importancia de consultar as páxinas de información sobre o estado das estradas, así como a páxina web do CAE 112 Galicia (www.112galicia.org).

Os efectos do episodio adverso por vento en terra deixáronse sentir desde primeira hora de hoxe na Comunidade autónoma galega. Na provincia da Coruña rexistrouse, con diferenza, o maior número de incidencias, relacionadas, sobre todo, co desprazamento de obxectos en estradas e rúas, caída de árbores e tendido eléctrico e telefónico, aínda que sen ocasionar danos ou alteracións no subministro. Pontevedra, seguida de Lugo e Ourense, foron as provincias menos afectadas, aínda que tamén foron constantes as chamadas de alerta por mor de pólas nas estradas, pequenos anegamentos e desprendementos de terra.

O Centro de Atención ás Emerxencias atendeu, dende as 8 desta mañá ata as 15 horas, preto de 180 incidencias provocas polo temporal. En previsión disto, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior xa activou neste días pasados os protocolos de alerta previstos para os fenómenos meteorolóxicos adversos, mediante o envío masivo de faxes e sms dirixidos ás administracións locais, provinciais, autonómicas e estatais, parques de bombeiros, clubs náuticos e empresas cuxas actividades se poidan ver prexudicadas polo temporal.

Sociedade