As Foxas, ese lugar descoñecido

As Foxas, ese lugar descoñecido

11 de Outubro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Pensar que As Foxas foi o núcleo orixinario de Fene, a dia de hoxe, semella un arcaísmo. Pero é así. As Foxas vive nun mundo aparte. Se non fose porque os médicos receitan camiñar para baixar o colesterol, moitos e moitas feneses non saberían da sua existencia. De feito os novos seguro que nunca fixeron unha incursión por este barrio fenés que ata a primeira metade do século XX funcionaba como corazón dun pobo a

A maior parte da poboación de Fene concentrábase xa no século XIX, e na primeira metade do século XX, neste lugar de Foxas, favor que compartía coa Porta do Sol, Formosende e Naturales de Fene, zona á que Carlos Ferrás Sexto denomina " sector tradicional de Fene" no seu libro " Desenvolvemento urbanístico e económico en Fene. Séculos XIX e XX". Son os lugares orixinarios de asentamento da poboación nunha área estratéxicamente ubicada entre o mar e a montaña e, co tempo, entre as duas principais arterias de comunicación, a estrada da Palma e a Nacional 651,executadas nos primeiros anos do século XX, e á sua vez comunicadas internamente pola estrada da Fraga. Foxas significa "lugar de escavacións", mentras que Formosende ven ser un camiño fermoso e Porta do Sol, o lugar por onde entra a luz solar. O nome Naturales de Fene ven dado polo agradecemento do concello aos emigrantes que donaron cartos á mellora do seu lugar de orixe. 
 
 No ano 1845 Fene ten un total de 3.184 habitantes, segundo os datos publicados no Diccionario de Madoz. Doce anos máis tarde, en 1957 elaborase o primeiro censo, a poboación fenesa incrementárase nun 17%. En 1900 o censo estatístico de poboación determina xa 5.391 habitantes.En 43 anos, apoboación medra un 45% fronte ao 10% que sería a media en Galicia, no mesmo período. E a parroquia de Fene particularmente é a que máis medra- o 58,2%- acadando os 1.117 habitantes, seguida de perto por Maniños, con 1.113 e Sillobre con 1.110. Fene será a parroquia que revele unha maior concentración da poboación.Unha poboación adicada á maioritariamente á agricultura que contrue casas cun marcada caracter popular. Son vivendas pequenas, de pranta baixa e faiado normalmente. Cunha tipoloxía moi uniforme podemos velas aínda en pé na actualidade, se ben algunhas están nunha situación de ruina outras foron rehabilitadas con mellor ou peor acerto.
 
 O caso é que, nun Fene que medraría enormemente dende mediados de século coa chegada de Astano, Foxas conserva ese sabor dunha urbanización primitiva, coherente, de agrupamento natural, ese valor patrimonial que ningún concello debe desperdiciar ou deixar ao pairo. Foxas foi o nome orixinal da parroquia de Fene. Aínda non hai moito tempo, a comezos da década dos noventa, nun pleno municipal, debateuse sobre a denominación da parroquia e houbo quen - o concelleiro Carlos Neira- defendía manter o topónimo As Foxas. Máis recentemente, a Xunta de Galicia, durante o goberno bipartito de PSdeG PSOE e BNG, interesouse por As Foxas co propósito de deseñar no lugar un Área de Rehabilitación Integral(ARI). Mesmo a Directora Xeral de Vivenda, Encarna Otero Cepeda, visitou o lugar para estudar como se podería levar a cabo unha actuación especial co apoio económico da Xunta de Galicia. Trataríase dunha actuación á maneira do que se está a desenvovler nos barrios antigos das cidades- véxase o caso de Ferrol- ou de vilas como Mugardos ou Neda.
 
 Trascendeu pouco daquel asunto que finalmente quedou paralisado, pero soubose que o proxecto pasaría por protexer o que de patrimonio urbano queda no lugar das Foxas, dándolle unha uniformidade urbanística ao conxunto, poñendo unhas normas urbanísticas que garantan esa unidade formal e pechando o conxunto cunhas vias de comunicación que fuxiran do asfalto e primasen o paseo dentro das fronteiras administrativas deste núcleo extraordinario, delimitado ao norte pola Avenida da Porta do Sol, ao sul pola Rua Travesa, ao Oeste pola Rua da Fraga e no esta polo lugar de Chamoso. No medio quedan as arterias deste corazón urbán, Rua Alcalde Gerardo Díaz, a Rúa das Foxas e o Camiño do Inferniño.
 
 No actual Plan Xeral de Ordenamento Municipal (PXOM) de Fene, Foxas consta como "chan urbán- rueiro ou unifamiliar" pero sería susceptible de calificarse como se crea conveniente nun futuro, tendo en conta ademáis que está a piques de comezar a segunda revisión do Plan Xeral por parte da corporación municipal. Sirva este artigo, cando menos, para recapacitar sobre o Fene que temos e o Fene que queremos, sen menoscabo dos intereses dos seus habitantes. Foxas merece ser contemplado como o que é, un sitio con encanto, a conservar e a mimar. 
    
 

Sociedade