A Fundación Laxeiro presenta Ensamblaxe e colaxe en Galicia

A Fundación Laxeiro presenta Ensamblaxe e colaxe en Galicia

31 de Xaneiro, 2013 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

Ensamblaxe e colaxe en Galicia propón unha mirada ao estado da cuestión nun tempo concreto (os últimos quince anos) e nun espazo concreto (Galicia), a través de quince creadores sen un especial vínculo entre eles que, sen embargo, como diciamos antes, coinciden en non poucos achados, solucións, procesos e recursos, conservando a súa singularidade e, conformando no seu conxunto, a particular mesa de traballo que a Fundación Laxeiro presenta nesta

 
MESA DE TRABALLO.

Ensamblaxe e colaxe en Galicia reúne nun mesmo proxecto expositivo, obras de artistas con preocupacións estéticas diferentes, nas que traballan utilizando as técnicas da ensamblaxe e o colaxe, para chegar a resultados, diferentes tamén, nos que é común a convivencia de elementos dispares, a hibridación de materiais e linguaxes e a intertextualidade inherente ao traballo da ensamblaxe e do colaxe.

Expositivamente, o proxecto resólvese propoñendo unha mirada de conxunto, nun mesmo espazo, sen corredores ou tabiques que impoñan un percorrido ao visitante quen, cando entra na sala, pode elixir o seu particular itinerario, segundo o que lle suxira esa primeira mirada que tamén se constrúe de forma transversal. Unha transversalidade que define a retórica expositiva, baseada na convivencia simultánea de todas as obras do proxecto e, por tanto, suxerindo múltiples relacións, segundo cada caso, en forma de diálogo, confrontación, complementariedade ou mesmo exclusión que, en conxunto, non son outra cousa que un convite á reflexión acerca do sentido de cada traballo e, en consecuencia, do discurso de cada artista en tantas lecturas posibles, como itinerarios decida o espectador.

Artistas
Colin Baldwin, Misha Bies Golas, Luis Bueno, Tono Carbajo, Samuel Castro,
María Chenut, Rosendo Cid, Santiago Mayo, Rosa Úbeda, Xosé Carlos Barros, Miguel Mosquera, Pablo Orza, Pelucas, Enrique Saavedra, Teo Soriano. O comisario é Javier Pérez Buján.

Breve percorrido histórico

Se históricamente, podemos localizar o nacemento oficial da ensamblaxe e o colaxe na exposición organizada por William C. Seitz, titulada The Art of Assemblage no MoMA de Nova York, en 1961, é evidente que, como recoñecería Jean Dubuffet en 1953 cando acuñou o termo assemblage, o nacemento deste recurso, data dos primeiros anos do século XX, cando Picasso (coa súa obra titulada Nature morte à la chaise cannée) e Georges Braque (cos seus primeiros papiers collés) comezan a utilizar a técnica da ensamblaxe e o colaxe alá por 1912. Matisse, Marcel Duchamp e Man Ray serían tamén pioneiros e, como é sabido, o recurso de ensamblar materiais diversos, frecuentemente sen valor plástico per se, pronto sería utilizado por dadaístas, futuristas e surrealistas, chegando a ser unha técnica máis, un recurso que é utilizado con normalidade na arte contemporánea.

Sociedade