Gómez Besteiro: “O PP é como a cova de Alí Babá”

Gómez Besteiro: “O PP é como a cova de Alí Babá”

18 de Febreiro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O presidente da Deputación de Lugo, Xosé Ramón Gómez Besteiro, referiuse onte en Baamonde, Begonte, á actual crise do Partido Popular. O responsable socialista cualificou ao PP como “a cova de Alí Babá, no que o máis rápido trinca e o máis lento queda sen nada”. Besteiro tamén aludiu ás substitucións do número un popular por Ourense, Luis Carrera, e ao arrinconamento do

“Estes paxaros, que son o que son, que é o que é Feijóo, demostran ter pouco cheiro, porque teñen que substituír a todas as súas estrelas e cabezas de lista en Ourense e A Coruña”, opinou Besteiro, que tamén acusou ao PP de deixar unha débeda de máis de 400 millóns de euros “que nós tivemos que subsanar despois”. O mandatario provincial admitiu que o principal obxectivo do seu partido é “loitar por Galicia e impulsar as súas obras e infraestruturas” e non ir “a enredar a Madrid con Rajoy”.

Precisamente, as infraestruturas creadas desde a chegada ao poder do PSdeG-PSOE foron outro dos puntos principais do seu discurso, ao recordar o desenrolo da Transcantábrica e da Autovía AG-64, que permitirán “conectar a Begonte e a Lugo con todo o noroeste peninsular”. Besteiro non se esqueceu da promesa “cumprida” de Touriño de “dar un parque de provincial de bombeiros” e das transferencias sanitarias ao Sergas. Por último, destacou o propio carácter do candidato socialista á Xunta, ao que cualificou como unha “persoa seria, solvente e traballadora”, que non “vai de baile e de troula”, pero que “cumpre co que promete”.

A número 4 por Lugo, Sonia Verdes, tamén tivo palabras para referirse á actual situación dos populares. “O que ofrece o PP é un goberno de descarados, que tentan ocultar os seus problemas botándolle a culpa aos socialistas”, dixo Verdes, que contrapuxo os méritos socialistas coa xestión do PPdeG na Xunta de Galicia. “Mentres nós desenvolvemos a comarca, coa A-8 e a Autovía Ferrol-Vilalba, eles non fixeron nin un so Quilómetro e, despois do noso goberno, é case unha realidade”. A socialista vilalbesa tamén indicou que “o PP deixou miles de explotacións pechadas ou hipotecadas pola cota mentres negociaban por detrás a libre cota. En cambio, o PSOE conseguiu logros como a cotitularidade das explotacións ou a elaboración dun Plan Lácteo que desenrolaremos se seguimos no goberno outros catro anos máis”.

Para Verdes, un dos grandes méritos de Emilio Pérez Touriño á fronte da Xunta foi “conseguir converxer Galicia con España e Europa, cousa que non conseguiron 16 anos de fraguismo”.

Pero a primeira quenda do serán foi para o representante do partido en Rábade e número 11 das listas, Miguel Vilar, que destacou a transparencia dos representantes autonómicos socialistas. “A transparencia foi unha das nosas sinais nestes catro anos. Mentres en 16 anos Fraga só compareceu 2 veces fóra do obrigatorio, Touriño o fixo 12 veces en tan só tres anos e medio”.

O aumento do investimento en sanidade, o incremento dos servizos para o Hospital Clínico de Lugo, a extensión do uso da epidural e da saúde bucodental; a creación de 11.000 novas prazas en educación infantil; a cancelación da débeda de 400 millóns de euros ou o desenvolvemento da Lei de Dependencia foron outro dos logros repasados por Vilar.

Sociedade