Gañar unhas eleccións non autoriza a destruir o galego

Gañar unhas eleccións non autoriza a destruir o galego

12 de Xullo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por

Unha Iniciativa Lexislativa Popular en favor do idioma galego é unha das propostas que barallan os promotores do manifesto en defensa do consenso lingüístico. Antón Baamonde, Manuel Bragado e Xabier P. DoCampo impulsaron un documento que reuniu máis de 1.300 sinaturas nunha semana e que pretende reclamarlle ao PP e á Xunta de Galicia retornar aos parámetros da Constitución, do Estatuto e da Lei de Normalización Lingüística.

O manifesto pretende convertirse nunha ampla iniciativa cidadán que recupere o discurso da razón e bote abaixo a falacia da presunta imposición do idioma galego, argumentos dos que queren liquidar a lingua galega. 

O texto do escrito continúa afirmando que "os que tal sosteñen queren evitar a presenza do galego nas súas vidas para pecharse en ámbitos en que o castelán sexa o único idioma. Pero Galicia é unha sociedade na que se falan dúas linguas que, non se pode negar, están en situación de desigualdade, polo que o galego debe recibir unha especial protección. Só así se poderá afirmar que se actúa en xustiza e na procura da igualdade entre os dous idiomas".

Queren recuperar protagonismo cidadán e apelan "a sociedade galega que sente aprecio cara á súa lingua debe reclamar unha volta do PP a un terreo común, independentemente de cal sexa o idioma no que se expresa usualmente". O manifesto presentaráse nun acto masivo que se organizará en setembro en Santiago de Compostela.

Sociedade