A Galaxia Imaxinaria, entre a Via Láctea e o Camiño de Santiago

A Galaxia Imaxinaria, entre a Via Láctea e o Camiño de Santiago

20 de Maio, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

"O proxecto da Galaxia Imaxinaria combina as ideas de espazo urbano e rural dentro dun parque público" afirmou o arquitecto Iván Rivas na presentación da apertura desta zona lúdica, cultural, pedagóxica e de lecer habilitada na antiga finca de Cela en Fene. A Galaxia e os seus planetas abrirán ao público o venres a partir das cinco da tarde con distintas actividades culturais e festivas.

A técnica da empresa de xestión cultural Iolanda Gomis calificou a Galaxia, como un proxecto embriagador "que intenta abrir un diálogo entre o Camiño de Santiago, o imaxinario tradicional galego e o mundo da literatura universal". Ademais de explicar o significado das distintas partes do parque (pista de skate, planeta das linguas, do principiño, zona de xogos para adultos, ...) membros da Escola Aberta da Arte convidarán aos asistentes na tarde do venres a pintar nos diferentes paneis de cores habilitados con esa finalidade.

O concelleiro de Promoción Económica de Fene Manuel Polo cifrou en 200.000 € o orzamento utilizado para a adecuación do parque, indicando que se enmarca no proxecto global de establecer recursos e atractivos turísticos en Fene, que ao mesmo tempo poidan ser utilizados para o lecer polo conxunto da poboación. Ademais das actividades do venres (de 5 a 8 da tarde) o Concello proxecta editar unha guia explicativa do parque, construir unha páxina web e invitar aos colexios a realizar visitas guiadas. O acto de inauguración oficial retrasaráse ata despois do 7 de xuño. 

 

Sociedade