Galegas 8M marcha a Verín

Este ano a gran mobilización nacional das mulleres será en Verín o 1 de marzo.
03 de Febreiro, 2020 - 12:40 h. | Publicada por Radio Fene

Porque o traballo de coidados debe ser o centro e motor da vida. Por iso o 1º de marzo Galegas 8M convoca mobilización nacional en Verín, para significar a loita das mulleres e profesionais sanitarias desta localidade na defensa. Primeiro foi Vigo, depsois Lugo e agora Verín.

Hai tres anos xurdiu a idea de repensarmos o 8 de marzo en clave galega, diversa, inclusiva e horizontal. Con estes obxectivos, e a través de convocatorias e xuntanzas abertas en distintas cidades, vilas e aldeas de todo o país, diversos colectivos feministas e mulleres individuais de toda Galiza tecendo rede comezaron a traballar na organización dunha mobilización nacional, que fose quen de unir a diversidade do feminismo galego baixo o paraugas da Asemblea Galegas 8M. Así naceu Galegas 8M.

Tras a convocatoria do 2018 en Vigo e no 2019 en Lugo, este ano repetirase a aposta pola descentralización do movemento feminista, por saír das nosas zonas de confort e achegármonos a realidades que son tamén parte da nosa terra. Así , o vindeiro 1 de marzo Verín será a capital do feminismo galego. A través desta convocatoria Galegas 8M solidarizase coa loita exemplar que desempeñaron as mulleres de Verín fronte á privatización e precarización dos servizos públicos de saúde, denunciando a violencia institucional que exerceron durante meses contra as mulleres desa comarca, pechando a sala de partos e as urxencias pediátricas; obrigando ás nais e ás crianzas neonatas a desprazarse ao hospital de Ourense, por mor dunha decisión patriarcal baseada en criterios políticos e económicos.

O feminismo galego desbordará Verín para celebrar o anuncio de reapertura do paritorio de Verín e do servizo de Urxencias Pediátricas grazas á loita e ao compromiso de colectivos feministas, do persoal sanitario, das asociacións de mulleres, das organizacións sindicais, e da morea de veciñas que participaron durante varios meses en mobilizacións e peches. O que aconteceu en Verín pode repetirse en calquera outra zona do país. Galegas 8M pretende xuntar forzas para dar visibilidade á ampla rede de mulleres galegas que traballan arreo e de forma continuada na defensa dos dereitos das mulleres nos distintos eidos da sociedade. Esta manifestación de loita feminista fai parte do traballo mobilizador e axitativo para acadar que o día 8 de marzo sexa unha nova data de reivindicación, combate e loita en toda a Galiza.

Sociedade

Publica o teu comentario agora