Galicia súmase á celebración do décimo aniversario da Wikipedia

Galicia súmase á celebración do décimo aniversario da Wikipedia

15 de Xaneiro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Culleredo

Máis de 16 millóns de artigos aos que acceden 400 millóns de lectores de 271 linguas diferentes. Con estas cifras, e situada entre os 10 sitios webs máis populares do mundo, a Wikipedia conmemora nesta xornada o seu décimo aniversario. A celebración, que se espalla por distintos recunchos do planeta, ten o seu eco na nosa comunidade con actos en Culleredo e Ribadeo e a posta en marcha dun “maratón de edicións”

A versión na nosa lingua da Wikipedia medra a razón de 1500 achegas diarias, pero nesta xornada quérese bater un record: acadar ás 5000 edicións. “A Galipedia goza de boa saúde, pero necesita máis voluntarios dispostos a compartir os seus coñecementos e incrementar a presenza en internet do galego”, valorou en Radiofusiòn o presidente de Wikimedia España, Jorge Sierra.

A Wikipedia considérase a maior enciclopedia xamais creada. Trátase dun proxecto sen ánimo de lucro, ao que ten acceso todo aquel que posúe conexión a internet e que se nutre do traballo dos usuarios que voluntariamente escriben ou transforman artigos. Non inclúe publicidade e finánciase con achegas económicas de doadores individuais, un sistema que, na opinión de Jorge Sierra, resulta “sostible de cara ao futuro”. Os seus detractores poñen en dúbida a súa fiabilidade, mentres que os seus defensores destacan as súas posibilidades de actualización constante. “A Wikipedia produciu un cambio de paradigma, deixamos de recibir información pechada e abriuse a posibilidade de facer as nosas propias achegas”, afirma Sierra.

Sociedade