Galiza sustentábel, as feiras do século XXI

Galiza sustentábel, as feiras do século XXI

25 de Febreiro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por

Cada un fala da feira, como lle vai nela. Para que todos poidamos falar ben das feiras, xurde o programa Feiras Galiza Sustentábel 2009. Pretenden achegar productores e consumidores, e aplicar estratexias de marketing para promocionar a artesanía e a agricultura máis próxima.

O programa Feiras Galiza Sustentábel 2009, continua en 14 localidades da provincia de Pontevedra (Bueu, A Estrada, Moaña, Cotobade, Silleda, Rodeiro, Cuntis, A Lama, Mos, Ponteareas, Forcarei, Pontevedra, O Porriño, Salceda de Caselas). Segundo palabras de Edelmiro López “a Rede de Feiras Galiza Sustentábel constitúe unha aposta polos circuítos curtos de comercialización, tanto dos produtos agrarios como dos derivados da artesanía, polo que as feiras sustentábeis, organizadas por persoas e entidades comprometidas cunha Galiza rural moderna, teñen como obxectivos a promoción, potenciación e valorización dos produtos tradicionais e de tempada, ao tempo que apostan polo consumo consciente e impulsan a artesanía, a agricultura e a gandaría ecolóxicas, as nosas tradicións e o patrimonio cultural inmaterial galego”.

 

Este programa ten por obxectivo a promoción e valorización dos produtos agroalimentarios locais, cunha atención especial a aqueles ligados á terra e cunha diferenciación do produto, atendendo á importante base produtiva galega, sustentada polos labregos e labregas, xunto con materias primas de calidade que son recoñecidas tanto nos mercados internos como nos de ámbito internacional. Neste aspecto, trátase de  facer unha aposta decidida pola agricultura sustentable, como un concepto máis amplo do que ata o de agora se veu entendendo por agricultura ecolóxica e que englobe tamén as producións agrarias tradicionais.

 

A Rede Feiras Galiza Sustentábel nace a partir de iniciativas dispersas a nivel local que se teñen celebrado en anos anteriores, co obxectivo de potencialas nun programa estable e con perspectiva global, que en vindeiras edicións podería estenderse mesmo ao ámbito de todo o territorio galego. Nese sentido, o director xeral de Desenvolvemento Rural animou aos organizadores a seguir traballando pola promoción dos produtos agroalimentarios sustentábeis, e dos produtos da artesanía das diversas comarcas do País, por constituír un piar básico para a dinamización socioeconómica das áreas rurais.



Sociedade