As gasolineiras piden servizos mínimos

As gasolineiras piden servizos mínimos
02 de Abril, 2020 - 12:25 h. | Publicada por Radio Fene

As vendas caeron en picado nestas dúas últimas semanas porque parou a circulación nas estradas. Ortegal Oil cifra a caída nun 80%. Non ten sentido competir en prezos e demandan abrir en servizos mínimos.

ESCOITA O PODCAST:

O desánimo é xeneralizado no sector das empresas gasolineiras debido ao frenazo económico, unhas pola caída das ventas e outras polo cese da actividade. O director xeral de Ortegal Oil, Antonio López, veu como a semana pasada as ventas nas súas estacións de servizo caían un 71% cifra que esta semana xa medrou ata case o 80%. O comportamento dos usuarios ao principio desta crise foi  encher os depósitos pero despois o confinamento deixou as estradas baleiras.

Servizos mínimos

Esta mañá, como cada xoves ás 7 da mañá, reuniuse o grupo de networking do que forma parte Antonio. Segundo nos explica, todos coinciden en demandar ao goberno ou autoridade competente servizos mínimos do 25%, como cando hai unha folga. A solución podería estar en manter aberta unha estación de servizo en cada zona e facelo rotativo. “Non ten sentido, explica Antonio López, abrir todos e competir en prezos entre nós porque é algo insostible”. “Agora, conclúe, ten máis sentido colaborar que competir entre nós”. Na gasolineira de Vilar do Colo – Fene/Cabanas- o litro de gasolina onte era de 1,105€. A caída foi en picado e agora mesmo venden en perdas porque hai que manter o persoal. O abastecemento está garantido pero preocúpalles que se produza unha ruptura porque teñen que pagar por adiantado ás petroleiras.

Proxectos parados

Ortegal Oil ten 14 estacións de servizo. Antes da crise tiñan en proxecto outras dúas, a de Viveiro que ía inaugurarse en Semana Santa e a de Ares que viña despois. “De momento paramos ata que pase a crise do coronavirus”, admite o director xeral de Ortegal Oil, quen asegura que os dous proxectos seguen en pé, aínda que lles causen un burato máis ou menos grande. Pendente está tamén o hotel de Vilar do Colo. Antes da crise mantiveron contactos con varias cadeas hoteleiras interesadas na súa xestión pero tamén houbo que paralizalo. “Retomaremos os proxectos e miraremos adiante” declara con optimismo o empresario Antonio López, quen manifesta a convicción de que disto se sae.

Sociedade

Publica o teu comentario agora