Giseliña chega a Ferrol

Giseliña chega a Ferrol

04 de Maio, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A capela do Centro Cultural Torrente Ballester acolle dende hoxe un programa de acción formativas de danza dirixido polo Centro Coreográfico Galego. O obxectivo é promover esta disciplina, achegala a novos públicos, á par que fidelizar aos xa existentes. A posta en marcha desta iniciativa coincide coa estadía en Ferrol da compañía para presentar o vindeiro sábado, no Teatro Jofre, o seu novo espectáculo “Giseliña”

“Giseliña” é a terceira producción do Centro Coreográfico Galego, despois de “Vacuo”, de Maruxa Salas, e “Kiosco das almas perdidas”, de Roberto Oliván. A montaxe, dirixida polo coreógrafo catalán Cisco Aznar, parte dunha libre adaptación do clásico Giselle, sustituindo os seres mitolóxicos do bosque que aparecían na peza orixinal por animais mariños.

Despois de cinco meses de xira por distintos espazos, dentro e fóra de Galicia, o Centro Coreográfico Galego presentará “Giseliña” o vindeiro sábado en Ferrol, nunha función que comezará ás oito e media do serán no Teatro Jofre. A maiores, dende hoxe e ate o xoves, desenvolveranse na Capela do Centro Cultural Torrente Ballester unha serie de talleres de danza impartidos polas profesoras e bailarinas Estela Lloves Gómez e Rut Balbín, da Asociación de Profesionais de Danza Escénica Galega. Deste xeito, as persoas que o desexen poderán manter un primeiro contacto co mundo da danza, coa linguaxe coreográfica e co sistema de composición de Cisco Aznar, director de “Giseliña”.

Nos talleres, segundo informa o Concello de Ferrol, ofreceranse unha serie de claves para poder conectar o movemento e a respiración. As dúas primeiras sesións comezarán esta mesma tarde, ás seis e ás oito do serán.

Sociedade