Golpistas e verdugos

O libro ve a luz 43 anos despois do fin da dictadura
20 de Novembro, 2018 - 09:40 h. | Publicada por Radio Fene

O libro de Fernández Prieto e Míguez Macho ve a luz neste mes de novembro, coincidindo coa morte do dictador hai 43 anos. A presentación en Ferrol é un xesto ben considerado por todos aqueles que sofriron en grao superlativo a represión franquista nesta zona obreira, considerada moi perigosa polo novo réxime.

Coincidindo co 43 cabodano do dictador, na súa cidade natal, o catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago Lourenzo Fernández Prieto presenta esta tarde en Ferrol o libro “Golpistas e verdugos de 1936. Historia dun pasado incómodo”, do que é coautor xunto a Antonio Míguez Macho. O libro, editado por Galaxia veu a luz a primeiros deste mes de novembro de 2018. Participarán no acto os historiadores, Guillermo Llorca, Bernardo Máiz, Xosé Manuel Soutullo e o profesor da Universidade de Barcelona, Jordi Guixet. Hoxe ás oito da tarde no Parador de Turismo de Ferrol.

Non é unha historia heroica nin agradable, tampouco unha historia esquecida. É unha historia que non tiñamos ganas de coñecer, pero que os historiadores e as historiadoras están obrigados a indagar e contextualizar. Son palabras dos autores diante da edición. O coñecemento sempre resulta sorprensivo e desvenda erros, mitos, deformacións interesadas. Os lectores coñecerán neste libro as dimensións sociais dos verdugos e os colaboradores. Canto se extende a mancha da violencia do golpe. Coñecerán os golpistas perseguindo ás autoridades, empezando polas militares. Como foron fusiladas autoridades civís, militares, policiais e administrativas sen que imaxinasen que ían ser executadas, porque esa posibilidade non formaba parte do seu mundo, nin da súa experiencia vital e política.

Sociedade

Publica o teu comentario agora