A Graña é o epicentro

A Graña é o epicentro
30 de Xuño, 2020 - 10:23 h. | Publicada por Radio Fene

O libro "Memoria histórica das vilas da Graña, A Cabana e San Felipe" coordenado por Guillermo Llorca e Juan José Burgoa, preséntase este xoves na Graña. Participaron na súa elaboración ata 25 persoas.

ESCOITA O PODCAST:

“Memoria histórica das vilas da Graña, A Cabana e San Filipe” preséntase este xoves 2 de xullo ás oito da tarde no local veciñal da Graña. O acto farase ao ar libre para dar cabida a máis público. Alí estarán Juan José Burgoa e Guillermo Llorca, coordinadores da publicación editada por Embora na que participan nada menos que 25 investigadores. É polo tanto un traballo multidisciplinar cunhas capas debuxadas pola cantante e pintora María Manuela.

En palabras de Guillermo Llorca, “A Graña é o núcleo, o epicentro do libro. Aínda que o seu pasado remóntase á prehistoria, a decisión da coroa de fundar a base da Graña en 1726, marcará o rumbo histórico da cidade”. A Graña chegou a ter concello propio. No libro preséntanse diferentes aportacións sobre a presencia dos nazis na localidade durante a Segunda Guerra Mundial; as negociación entre os EEUU e Franco para instalar alí unha base militar como a de Rota ou sobre a estación de Bioloxía Mariña e a Casa dos Usero.

A Cabana ten o dique de mareas único en España e un dos estaleiros particulares. O Castelo de San Filipe é unha das fortalezas que máis se reforzan no século XVIII. Son algunhas pinceladas dese libro que fala de moitas cousas; as mámoas de Brión, o tesouro de Bedoia, a capela de San Antonio da Cabana, o deporte, o cine ou as escolas. Afirma Llorca que o apartado documental ten moito peso nesta publicación que conta cunha boa selección de planos, documentos e fotografías.

 

 

(Fotografía de A Graña, de turismo.gal)

Cultura

Publica o teu comentario agora