A Granxa Gayoso-Castro vendeu embrións infectados aos gandeiros da Terra Chá

A Granxa Gayoso-Castro vendeu embrións infectados aos gandeiros da Terra Chá

12 de Maio, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

A Granxa Gayoso-Castro, situada en Castro Ribeiras de Lea, vendeu durante anos embrións infectados aos gandeiros da Terra Chá. Asegurouno nesta xornada o responsable de Gandaría da Deputación de Lugo, José María Arias, quen acusa ao Partido Popular de cometer "gravísimas irregularidades sanitarias" neste centro dependente da institución provincial cando Cacharro Pardo era o seu presidente.

Os actuais xestores da granxa dedicada á investigación no sector primario e ao abastecemento de produtos aos centros benéficos dependentes da Deputación sosteñen que dende 2004 non se desenvolveu nas instalacións ningún control de saneamento, como demostrarían os sacrificios de animais obrigados por infeccións irreversibles. Arias critica que se permitise a comercialización do leite nesas condicións e que se distribuísen embrións afectados polo virus IBR, que provoca numerosos abortos na cabana bovina. O deputado provincial sostén que baixo mando do PP permitíronse prácticas prohibidas pola Unión Europea dende o ano 1987 e pediu que se hai gandeiros que gardan organismos conxelados, se desfagan deles.

José María Arias salientou que o Partido Popular mantivo sen licenza de actividade a Granxa Gayoso-Castro, para a que tiña un veterinario contratado que nunca chegou desempeñar alí a súa función. Asemade, laiouse de que a Xunta non colabore co primeiro Centro de Recría público que se vai instalar no lugar. Os traballos de construción veñen de comezar e suporán a creación de 13 naves con capacidade para 3.000 xuvencas e 370 casetas de recría.

Sociedade