Guillerme Vázquez: “O ser ou non ser do BNG decidirase nas municipais”

Guillerme Vázquez: “O ser ou non ser do BNG decidirase nas municipais”

14 de Abril, 2009 - 12:00 h. | Publicada por

“Guillerme Vázquez é un tipo caralludo”, declarou o líder do Partido Popular na cidade do Lérez, Telmo Martín. Con tales eloxios da oposición, enténdese que o ex deputado en Santiago e Madrid, e edil no Concello de Pontevedra, Guillerme Vázquez, se animase a encabezar a lista Alternativa pola Unidade que aspira á lograr a portavocía nacional do BNG na asemblea do 10 de maio. A

Alternativa pola Unidade é unha das tres correntes que aspiran ao liderado na fronte nacionalista, canda a do Encontro Irmandiño, que comanda Xosé Manuel Beiras, e a do recén nomeado voceiro parlamentario Carlos Aymerich, que lle dá abeiro aos chamados quintanistas. Vázquez declarou a Radiofusiòn que é posible unha convivencia harmoniosa entre os seus pareceres: “Deberían convivir: todos somos do BNG. Sei que será un debate enriquecedor”. 

O edil pontevedrés láiase da perda de apoio social do nacionalismo detectada nos pasados comicios autonómicos e urxe a recuperalo para ter un bo resultado nos europeos e, sobre todo, nos municipais “onde se decidirá o ser ou non ser do BNG”. Así as cousas, Guillerme Vázquez pensa que é preciso “camiñar por unha senda de máis perfil e de nacionalismo de esquerda”. O nacionalista adianta que a unidade de acción co PSdeG “virá no momento en que teña que vir” e lembra que “por nós nunca quedará sen haber alternativa ao PP”, de quen teme que goberne procurando o retroceso de todas as conquistas feitas nos últimos tempos.

Institucional