Guillerme Vázquez esixe un trato igualitario para Galicia e o sector primario

Guillerme Vázquez esixe un trato igualitario para Galicia e o sector primario

03 de Xuño, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, esixiu onte en Lugo un trato igualitario para Galicia por parte da Unión Europea e do Goberno de España. O responsable nacionalista pediu unha maior atención para o sector primario, como si se fai en casos como a banca ou a automoción.

“Cando se dedican miles de millóns de euros a salvar sectores como o da banca, a Opel ou General Motors implícanse os gobernos. Nós temos que solicitar un trato semellante para o noso país”, afirmou. Para Vázquez “é difícil de explicar que se actúe así neses casos e non para salvar ao sector lácteo e, por exemplo, á factoría Pascual en Outeiro de Rei”, onde “aos gobernos nin se lles ve, nin se lles espera”.

 

Nesa liña, o voceiro do BNG esixiu que o goberno español “renegocie a actual asignación de cotas entre os distintos Estados membros da UE, de xeito que o aumento da cota se dirixa únicamente a aqueles Estados que teñen unha cota moi inferior ao seu consumo interno e nos que existen segmentos importantes de explotacións, como é o caso de Galicia, que necesitan máis cota para ser viábeis”.

Segundo o político do Bloque, “non se trata só de renegociar as cotas, senón de que os gobernos estatal e galego teñen que dispor de mecanismos de intervención sobre os prezos e os mercados. Só así poderemos garantir a viabilidade do sector”, precisou.

Vázquez tamén aportou tres medidas que poden ser chave para asegurar a supervivencia dos gandeiros galegos e dos sectores relacionados: garantir a recollida de todo o leite producido en Galicia, establecer axudas directas aos produtores de leite, para compensar o baixo prezo do leite en orixe en tanto non se recuperen os prezos de mercado e, por último, “garantir a continuidade da industria transformadora galega e, en concreto, da planta de Pascual na provincia de Lugo”.

Sociedade