Guillerme Vázquez:: Non van conseguir acabar co idioma galego

Guillerme Vázquez:: Non van conseguir acabar co idioma galego

25 de Xullo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Ordes

Temos dereito a expresarnos na nosa lingua e os nacionalistas advertimos que non van conseguir acabar co idioma galego, afirmou o voceiro do BNG Guillerme Vázquez esta tarde nos micrófonos de Radiofusión, no transcurso do programa especial realizado dende Santiago de Compostela, neste 25 de xullo, Dia da Patria Galega. O dirixente nacionalista tamén fixo fincapé na urxente necesidade de adoptar medidas para atacar a crise económica.

O goberno de Feijoo ataca con saña a lingua galega e non presentou unha soia solución contra a crise, afirmou Vázquez, quen indicou que o goberno do PP "unicamente se limitou a seguir utilizando a política lixo para atacar a oposición e plegarse ao que lle marcaban dende Madrid". O voceiro do BNG reiterou o interese nacionalista en manter o rango de nación no marco do Estado "para non ser menos que Catalunya ou Andalucia e por iso queremos un Estatuto de primeira". O rango ten que ver con competencias, con transferencias e en consecuencia con nivel de vida, segundo Guillerme Vázquez. Segundo o dirixente do Bloque, na negociación do Estatuto os nacionalistas teñen liñas bermellas que non se deben cruzar, entre elas a de manter o status de Galicia.

Sociedade