Guillerme Vázquez pide maior implicación do goberno central para solucionar o ERE de Pascual

Guillerme Vázquez pide maior implicación do goberno central para solucionar o ERE de Pascual

02 de Xuño, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

As declaracións do actual Ministro de Fomento sobre o ERE de Pascual en Outeiro de Rei, nas que pedía unha maior atención da Xunta de Galicia para atallar este grave problema, motivou a contestación do voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez. O responsable nacionalista indicou ao político de Palas de Rei que tanto el como “Zapatero poden facer algo máis”. Vázquez pediu un mesmo trato para o sector agrogandeiro que para a banca ou

“Igual que se inxectan miles de millóns á banca ou se dan axudas á industria do automóbil, para unha cousa que require menos investimentos, non se nos pode dicir que aí hai pouquiño que facer. Se se pode salvar Citroën, ¿Cómo non se vai poder salvar unha fábrica que é fundamental para a provincia de Lugo?”, reivindicou Vázquez.

 

O mandatario do BNG esixiu ao goberno do estado que “dunha vez por todas exerza o seu dereito de veto se ten que exercer a redistribuír a produción de leite a nivel de Europa”.

Para o líder nacionalista a solución deste problema “é tan sinxela como que os países excedentarios teñen que diminuír a produción e os deficitarios, aumentala”. Neste sentido, lembrou que o PP e o PSOE veñen de apoiar no Congreso dos Deputados unha proposta de resolución presentada polo BNG no Debate de Política Xeral nestes mesmos termos.

Vázquez instou tamén ao executivo a actuar para conseguir “un control dos mercados e os prezos. Dirán que non se pode”, aclarou, “pero igual que se manteñen os prezos da gasolina ou dos coches, pódese controlar o que se queira controlar”.

O portavoz nacional reclamou a adopción de “medidas a curto prazo, máis alá de visitar fábricas. Debe haber unha garantía de recollida de todo o leite producido e cómpre articular axudas directas non produtivas que compensen aos gandeiros polos baixos prezos de custe”.

Guillerme Vázquez afirmou de xeito rotundo que estas medidas son factíbeis “pódese facer e faise” e puxo como exemplo o caso de General Motors ou Opel nos que “o goberno de EEUU e alemán acuden prestos ao rescate desa situación inxectando miles de millóns de euros ou dólares e favorecendo que determinada empresa se faga cargo da situación”.

Neste sentido, lembrou que, se estas empresas supoñen 53.000 postos de traballo, as 13.000 explotacións gandeiras do país tamén poden acumular preto de 40.000 empregos e preguntouse se “uns son empregos de primeira e outros de segunda”.

Sociedade