Guillerme Vázquez pide unha solución urxente da Xunta para os traballadores de Pascual

Guillerme Vázquez pide unha solución urxente da Xunta para os traballadores de Pascual

17 de Novembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

Os traballadores de Pascual en Outeiro de Rei seguen a sumar apoios á súa mobilización para reclamar unha solución ao ERE da empresa na planta chairega, que finalizará o vindeiro 4 de decembro co despido dos 135 traballadores. Hoxe foi o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, o que se achegou polo campamento onde permanecen pechados os operarios para amosar o apoio “rotundo” do partido nacionalista. Acompañado polo ex conselleiro de Industri

Vázquez pediu ao executivo autonómico que resolva “dunha vez por todas a cuestión plantexada polas cooperativas galegas de mercar Leche Pascual”, ademais de pedir que deixase de ter unha posición “pasiva” para un asunto que “ten solución”. O portavoz nacional personificou no presidente Núñez Feijóo o paso adiante a dar por parte do goberno e pediulle que o tomase como “unha cuestión persoal, xa que non o fai o Conselleiro de Medio Rural, ao que non se lle ve nin se lle espera”. Para Vázquez, Núñez Feijóo é un presidente “inservible para decidir cuestións que afectan a este país”.

 

Os representantes do Bloque reuníronse co comité dos traballadores de Pascual e recolleron as súas demandas, ademais de informarlles das iniciativas de apoio do BNG no Parlamento de Galicia. Entre outros temas tocaron cuestións como a proposta das cooperativas galegas, encabezadas por Feiraco, afondaron na importancia do sector agrogandeiro para a provincia de Lugo, da responsabilidade da Xunta no mantemento dos empregos e os traballadores solicitaron a Guillerme Vázquez unha maior presión ao executivo autonómico para que haxa unha solución antes do devandito 4 de decembro.

 

A continuación, tanto Vázquez, como Blanco, Bao e Veleiro asinaron na recollida de firmas que están a levar os traballadores chairegos.

 

Pola súa banda, Fernando Blanco, incidiu na “falta de iniciativas  da Xunta de Galicia para chegar a unha solución”, ademais de expresar o seu malestar pola negativa a recibir aos traballadores e “á falta de apoio de Medio Rural á creación dun Grupo Lácteo Galego”.

 

Posible fusión das caixas galegas

 

O portavoz nacional do BNG aproveitou para falar sobre a posible fusión das dúas Caixas Galegas. Vázquez afirmou que a posición do BNG era “a única que se referiu a este tema ata este momento” fronte “á Xunta e ao PSdeG-PSOE”. O número un nacionalista afirmou que “só hai dúas posibilidades neste tema, unha fusión dentro, entre as dúas caixas de Galicia, ou fóra, con outras entidades españolas”. Guillerme Vázquez afirmou que a posición do seu partido é clara, xa que apostan por unha “unión que se faga no país, coas entidades galegas”, xa que o contrario seria “quitar os centros de decisións do noso país”.

O voceiro do Bloque pediu unha reunión de todas as forzas políticas para acadar “unha posición de país” ante esta cuestión. Para elo reclamou movemento tanto no executivo galego como no outro partido da oposición, ao que instou a que deixase "de estar ao albor da estratexia do seu partido en Madrid”.

Sociedade