Guitiriz e Aranga inician unha investigación para localizar fosas comúns da Guerra Civil

Guitiriz e Aranga inician unha investigación para localizar fosas comúns da Guerra Civil

04 de Xuño, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

A Asociación Xermolos de Guitiriz, xunto con outras de Aranga e a Asociación da Memoria Histórica de A Coruña están a estudar a existencia de fosas comúns da Guerra Civil nestes dous concellos chairegos. A investigación está aínda no seu comezo, sen que haxa unha cifra aproximada de represaliados. Desde Xermolos tamén se anunciou a futura organización dunhas xornadas paralelas aos traballos de recuperación dos cad&aa

Os primeiros indicios falan de ducias de paseados do chamado “terror quente”, é dicir, daquelas persoas que foron represaliados mentres durou a guerra; aínda que teñen constancia da existencia dalgún morto da postguerra.

 

En canto aos lugares onde se poderían atopar, Blanco Torrado ten constancia da existencia de soterramentos nos adros das igrexas parroquiais de Santa Mariña en Guitiriz, e  de As Fervenzas e de Villaraso en Aranga. Nesta última tense identificado a existencia de nove cadáveres, entre os que se atoparía o dunha maestra casada cun sindicalista chairego. Outras posibles zonas de paseos e soterramentos serían A Repica, a Castellana, a Costa da Sal, así como ao longo da N-VI ou do río Mandeo.

“Todo isto xira arredor do río Mandeo, que soubo desas desfeitas coma ninguén. Foi un río para nós con moita sombra, ligado a esas mortes de inocentes, e queremos convertelo nun río de vida e nun río de luz onde se transmita a verdade”, estableceu Alfonso Blanco.

En canto á orixe dos defuntos, crese que non proceden só da Terra Chá, senón que poderían vir de zonas mais alonxadas como Ferrol, A Coruña ou mesmo de Asturias, xa que a propia natureza desta área como fronteira e cruce de camiños permitiría non deixar pegadas dos crimes.

Segundo o representante de Xermolos, a intención desta iniciativa non é “abrir feridas do pasado, senón de curalas ao aire libre”. Desde as asociacións implicadas téntase que as familias con vítimas saiban que “non miramos para outro lado, senón que somos conscientes do que pasou, que é doloroso. As vítimas e as familias merecen moito mais do que se lles está a dar”. No momento en que sexan localizados os corpos e definidas as posibles identidades dos mortos será o momento de solicitar os permisos para exhumar os cadáveres, xa que só as familias poden autorizar o levantamento dos falecidos.

Na investigación está a colaborar a Universidade de Santiago de Compostela, a través do profesor do Departamento de Historia Contemporánea, Emilio Grandío Seoane, e a Asociación da Memoria Histórica de A Coruña.

Xornadas de Memoria Oral

Desde Xermolos tamén se están a preparar unha serie de actividades que descorran paralelas a esta investigación. Aínda están sen definir, pero a previsión é que inclúan un ciclo de conferencias, de sesións de memoria oral, recitais e algunha publicación. A intención de Alfonso Blanco é que sexa unha labor común de todas as asociacións implicadas, xa que “ningunha asociación debe ir por libre, senón que debemos de unirnos todas para iniciativas coma esta”.

Sociedade