Guitiriz ofrecerá 20.000 euros en axudas para asociacións e emprendedores da vila

Guitiriz ofrecerá 20.000 euros en axudas para asociacións e emprendedores da vila

09 de Outubro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O concello de Guitiriz aportará 20.000 euros en subvencións ás asociacións activas e innovadoras do municipio e aos xóvenes emprendedores. A alcaldesa da vila, Regina Polín, e a tenente de alcalde e concelleira de Cultura, Emprego e Desenvolvemento, Sandra Freire, foron as encargadas de presentar as axudas, para as que xa está aberto o prazo de solicitudes.

O montante total destinado ás asociacións activas guitiricenses será de 8.000 euros, cun máximo por asociación de 2.500 €, para aquelas entidades que leven a cabo actividades innovadoras que fagan “un Guitiriz mais vivo”, tal e como indicou Regina Polín.

 

 

As subvencións cubrirán os gastos correntes de capital que teñan as asociacións municipais no exercicio das súas accións. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 15 de outubro para todas aquelas que acheguen a documentación seguinte: unha instancia asinada polo representante legal da asociación; unha fotocopia do código de identificación fiscal; a certificación que acredite a inscrición do solicitante no Rexistro de Asociacións do Concello de Guitiriz; a memoria explicativa das actividades; o orzamento de ingresos e gastos; un informe da Tesourería Municipal de atoparse ao corrente das obrigas tributarias coa facenda municipal; unha declaración responsable das subvencións solicitadas ou recibidas de institucións públicas ou privadas para dito programa; un compromiso de comunicar ao Concello a concesión de calquera outra axuda ou subvención de entes públicos ou privados para a mesma finalidade; unha declaración responsable de non estar inmerso nas prohibicións para obter a condición de beneficiario; unha declaración responsable de non ser debedor á Facenda Estatal, nin á Seguridade Social e o número de conta en que se desexe percibir a axuda.

 

Os criterios estipulados polo Concello para a concesión da subvención basearanse na representatividade da asociación no municipio, o número de socios, o grao de interese xeral das actividades que se propoña realizar, o número de posibles beneficiarios, o número de actividades propostas e o carácter periódico ou permanente das actividades, prevalecendo o segundo sobre o primeiro.

 

Unha comisión formada por técnicos do concello e un representante de cada un dos partidos políticos que conforman o pleno de Guitiriz será a encargada de conceder as axudas.

 

Por outro lado, con respecto ás asociacións, tamén se informou de que o período de xustificación das actividades comeza o día 2 de novembro e que rematará o 30 do mesmo mes. Os gastos reembolsables deberán ter sido realizados entre xaneiro e outubro de 2009 e deberase entregar unha declaración das actividades realizadas e o custe das mesmas; a presentación de facturas orixinais, fotocopias compulsadas ou documentos con eficacia probatoria no tráfico mercantil relacionadas coa actividade subvencionada; unha declaración do representante da entidade de que os cartos se investiron nas actividades para as que foron concedidas; e unha copia da resolución en caso de se a actividade tamén fora subvencionada por outra entidade, pública ou privada.

 

En canto á segunda das axudas, destinadas aos xóvenes emprendedores, a contía total é de 12.000 euros, sendo o máximo que se pode outorgar a un proxecto individual é de 3.000 €. O prazo de solicitudes está aberto e durará ata o vindeiro xoves 15 de outubro.

 

Os requisitos que deben cumprir son ter entre 18 e 45 anos, residir e estar empadroado no concello de Guitiriz e manter o negocio durante un mínimo de 3 anos no propio Concello.

 

A documentación a entregar é a mesma que na categoría de Asociacións, salvo que hai que entregar unha instancia asinada por todos aqueles que se encadren na categoría de xóvenes emprendedores con indicación de domicilio a efectos de notificación e unha certificación que acredite  a inscrición do solicitante, cando proceda, no Rexistro Público que corresponda e o número de membros que levan a cabo as actividades que se van a subvencionar.

 

A mesma comisión que valorará as axudas ás asociacións será a encargada de conceder as axudas aos emprendedores e o prazo de xustificación das actividades ten idéntico prazo: desde o 2 ata o 30 de novembro, debendo entregar os mesmos documentos que as asociacións.

Sociedade