Guitiriz pon en marcha o Foro da Solidariedade integrado na Axenda 21 Local

Guitiriz pon en marcha o Foro da Solidariedade integrado na Axenda 21 Local

22 de Abril, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

A Casa Habanera do Concello de Guitiriz foi o espazo elixido para por en marcha o I Foro da Solidariedade, que finalizará o vindeiro domingo 26 de abril. Este evento, integrado na Axenda 21 Local, tenta promover a participación cidadá na vida económica, social e ambiental do municipio chairego.

Nesta iniciativa do goberno local guitiricense, xunto coa colaboración da Xunta de Galicia e a empresa IDOM, inclúense a Exposición “Terra”, unha charla coloquio sobre a “Cultura do ocio no Rural” e un Obradoiro de Introdución ao XIS (Sistema de Información Xeográfica).

O primeiro dos eventos, a Exposición “Terra”, está aberta ao público, na Casa Habanera, desde onte e permanecerá aberta ata o domingo 26 de abril. Consta de corenta e cinco imaxes en branco e negro sobre a realidade da vida en Brasil: retratos da vida cotiá da poboación máis humilde, a súa loita pola terra, os nenos e nenas das favelas, a poboación indíxena... Inclúe tamén textos de José Saramago e un poema de Chico Buarque.

A Charla-Coloquio “Cultura do Ocio no Rural”, a cargo de Juan José Lorenzo Castiñeiras, investigador da Universidade de Santiago de Compostela (USC), centrarase nos diversos aspectos, posibilidades e valores do rural na cuestión do cultura do tempo libre. O relatorio estará dirixido a todos os públicos e se realizará o xoves 23 de abril de 11:30 a 12:30 horas no mesmo edificio do Concello de Guitiriz.

Por último, o Obradoiro de introdución ao XIS permitirá acceder a unha formación que permita recoñecer espazos públicos, densidades de edificación e reparto equitativo do solo. Trátase dun obradoiro dirixido ao público en xeral e que terá lugar o mesmo xoves 23 de abril, a continuación da charla de Lorenzo Castiñeiras, é dicir, de 12:30 a 13:30 horas, na Casa Habanera.

A Axenda 21 local é a contribución de cada concello e a súa comunidade local á sostibilidade, nun proceso aberto e participativo dirixido a mellorar a calidade de vida dos seus cidadáns, comprometéndose a actuar cara á mellora ambiental, social e económica do concello. Este programa ten a súa orixe na Conferencia das Nacións Unidas para o Medio Ambiente e o Desenvolvemento que se celebrou en Río de Janeiro no ano 1992.

Sociedade