Guitiriz será o espazo dun Duatlón que busca consolidarse

Guitiriz será o espazo dun Duatlón que busca consolidarse

05 de Marzo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

As rúas da vila de Guitiriz serán testemuña, o vindeiro sábado 7, do esforzo de preto duns 200 duatletas que inaugurarán o calendario do Campionato Galego desta disciplina que combina a carreira a pé e o ciclismo. Esta será a terceira edición dunha competición que tentará converterse nunha proba fixa dentro das que se celebran en Galicia.

Durante a presentación do trofeo, a alcaldesa da vila, Regina Polín, afirmou que esta terceira edición era a “confirmación de que, a pesar da crise, nós apostamos polo deporte”. Para Polín esta aposta non “era superflua”, xa que permite unha dobre promoción, “a do deporte e a da propia vila”.

Pola súa banda, o representante da Federación Galega de Triatlón, Miguel Fernández agradeceu ao concello o seu apoio e salientou a importancia de que probas como esta “se poidan consolidar”. Manuel Martínez, responsable das Escolas Deportivas da vila chairega destacou “o esforzo” que fai o Concello por non esquecer ao Deporte “a pesar da crise que vivimos e de que hai que conter o gasto”.

A proba comezará coa saída da categoría elite feminina, ás 15.30 horas. As categorías, cadete, junior e veteranos o farán dez minutos mais tarde, contra as 15.40, mentres que a elite masculina comezará ás 17.30.

A proba constará de tres sectores. O primeiro, no que os atletas recorrerán 5 quilómetros en carreira a pé discorrerá pola estrada que vai ao lugar dos Sete Muíños, onde se completarán tres voltas ao circuíto. O segundo sector será de 20 quilómetros en bicicleta. Sairán da praza da igrexa pola rampla situada a carón das escaleiras, xirando á dereita e despois á esquerda cara a estrada N-VI. A continuación darán un novo xiro á esquerda, xa na propia nacional, para percorrer dous Qm. e medio dando a vola á altura do cruce de Baxoi, para volver de novo ao punto de partida. Esta distancia deberana recorrer catro veces. O terceiro sector será de outros 2,5 quilómetros a pé dando dúas voltas ao circuíto programado para o primeiro sector.

Unha vez que remate a proba farase entrega dos trofeos aos tres primeiros clasificados de cada categoría. Ademais, a Federación Galega de Triatlón premiará aos atletas de categoría elite masculina, feminina e clubs. Así, os gañadores obterán unha recompensa de 150 €, os segundos clasificados gañarán 100 euros, mentres que os terceiros deberán conformarse con 75. Os mellores clubs masculinos e femininos terán unha bonificación de 100 euros.

A recollida de dorsais será na carpa da organización de 14.00 a 15.00 horas e o control do material estará operativo desde as 14.30 ata as 15.15 horas.

Sociedade