Hai que crer na saúde pública

Hai que crer na saúde pública
26 de Xuño, 2020 - 11:15 h. | Publicada por Radio Fene

O doutor Carlos Piñeiro defende que o colapso do sistema que sofrimos coa Covid19 dá conta da súa enorme debilidade e de que non crémos na saúde pública.

ESCOITA O PODCAST:

“Todo o mundo lembra a Santa Bárbara cando trona”. O médico do Centro de Saúde de Narón, Carlos Piñeiro, non é moi optimista á hora de estimar canto aprendemos despois dos aplausos aos sanitarios. “A situación esixe unha cultura que non hai neste país” afirma, referíndose a que o investimento en saúde é imprescindible para que, chegada unha situación de emerxencia como a do Covid19, non se colapse o sistema sanitario. Un sistema tan débil que reflicte o pouco que cremos na saúde pública. “Os partidos políticos deberan levalo nos seus programas electorais” Estas declaración do doutor Piñeiro veñen a conto da dramática situación vivida nos centros residenciais de persoas maiores e dependentes que en Galicia, e no resto do estado, se cobraron tantas víctimas. (As persoas falecidas en centros residenciais de Galicia a causa da Covid19 ascenden a 274, das que 132 morreron nos propios centros xeriátricos).

Fala Piñeiro do tremendamente vulnerables que son por sofrir patoloxías de base, respiratorias e cardiovasculares, por pasar tanto tempo en lugares pechados e por convivir con moitas persoas das mesmas características. “O caldo de cultivo perfecto para o contaxio”. Para o médico de Narón, as recomendación do Ministerio de Sanidade seguramente foron oportunas pero había que ter en conta as condición de cada centro á hora de aplicalas. Cantas máis medidas teñan á súa disposición para poder levar a cabo un sistema de aillamento, menos complicacións hai. Se unha residencia conta con medios, con epis suficientes, persoal, espacio, etc, mellor pode xestionar unha crise destas características.

Outro modelo de residencias

Preguntamos a Carlos Piñeiro se é posible outro modelo de residencia e responde que hai que cambiar o seu deseño arquitectónico e crear máis centros públicos. “Os que hai non son suficientes e ir a unha residencia privada custa máis de 2000€ mensuais que poucos se poden pagar”. Afirma Piñeiro que a mala planificación feita durante moitos anos desembocou nunha proliferación de residencias privadas. Piñeiro aposta por un cambio. “Esta forma de vida das persoas maiores non é a idónea” e propón a creación de máis centros de día e máis axuda no fogar para que a xente siga tendo unha vida que non rache brutalmente coa súa vida de sempre. “Quizás necesitamos centros máis pequeños e cercanos ás familias, e profesionais en número suficiente”. E engade “Os plans de dependencia non tiveron en conta aos maiores e os lamentos chegan agora cando hai un problema”.

Segundo Carlos Piñeiro, a OMS leva desde o 2005 advertindo que poderíamos sofrir unha pandemia, coincidindo coa gripe A, e recomendando plans específicos en cada país para estar preparados. Só Francia e Alemaña téñenos algo desenvoltos. E conclúe que “a saúde pública sempre foi a irmá menor da saúde xeral”.

 

(Fotografía do grupo Bazán. Residencia de maiores de Caranza. Nadal  2012)

Sociedade

Publica o teu comentario agora