A historia, comprensión e goce da música clásica

A historia, comprensión e goce da música clásica

08 de Abril, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O Concello de Ferrol celebrará o Ano Internacional da Música, que se conmemora neste 2011, cun ciclo de conferencias sobre música clásica que se desenvolverá ao longo dos meses de abril e maio na Biblioteca Municipal da Praza de España. Segundo a concelleira de Cultura, Mercedes Carbajales, o obxectivo desta actividade é “iniciar ao público en xeral na historia, comprensión e desfrute da música clásica”

A programación abrirase con Miguel Bruzón, membro da citada entidade cultural, que abordará na súa intervención aspectos relacionados coa música antiga, a música medieval (canto gregoriano, Ars Nova), renacentista (Palestrina, Victoria), barroca (Scarlatti, Bach, Haendel) e a música do clasicismo (Haydn, Mozart). A segunda das charlas, a do 26 de abril, será impartida por Ángel Cachaza e versará sobre destacados compositores dos séculos XVII (Monteverdi), XVIII (Haendel e Mozart), XIX (Rossini, Bellini, Verdi, Bizet, Wagner, J. Strauss e Borodin). Tamén afondará na evolución da música no século XX. Finalmente, o ciclo de charlas organizado co gallo do Ano Internacional da Música pecharase con Pedro García o 10 de maio. Este directivo da Sociedad Filarmónica Ferrolana baseará a súa intervención na obra de Beethoven e de compositores do Romanticismo (Schubert, Chopin, Brahms e Mahler), Nacionalismo (Dvorak, Tchaikovsky e Albéniz) e do século XX.

Cultura