Homenaxe ás mulleres bravas

A revolta das mulleres prendeu en toda a comarca contra os acaparadores en 1918.
04 de Marzo, 2019 - 11:23 h. | Publicada por Radio Fene

Baixo o lema “Revolta feminista”, Galegas 8M Ferrolterra rende homenaxe ás mulleres que protagonizaron en 1918 a revolta que se coñeceu na comarca como “A guerra das mulleres” ou "A revolta das mulleres"  O acto será este mércores 6 de febreiro, ás 11,30h no campo da feira de Sedes, onde se encontra o monumento que lembra a efeméride.

Galegas 8M quere lembrar a esas mulleres bravas e valentes que perderon o medo para defenderen o que era xusto. Unha revolta que silenciaron con violencia e represión, e que Laura Tato rescatou e que fai que hoxe esteamos orgullosas do que fumos e somos, herdeiras destas mulleres bravas e valentes que se ergueron contra os poderosos e que por moi difícil que semelle o contexto, coa loita sempre se poden conseguir obxectivos. "En Galegas 8M somos sabedoras que para afrontar o presente e conquistar o futuro temos que lembrar que somos rebeldes" afirman as organizadoras.

A Historia

Hai 101 anos, o 8 e 9 de marzo, en Xuvia prende a faísca que se estenderá a toda a comarca de Ferrolterra no mes de marzo. En 1918 estamos nun contexto internacional marcado pola I Guerra Mundial e a Revolución Rusa. O estado español quere aproveitar o contexto e vende trigo e outras materias primas aos países en conflito desabastecendo os mercados internos. En Galiza proliferan “acaparadores” subindo abusivamente os prezos de produtos de primeira necesidade e é neste contexto que o gobernador da Coruña prohíbe a saída de trigo cara Ferrolterra polo que perigan postos de traballo e case non se pode adquirir mesmo pan. As protestas comezan o 8 e 9 de marzo en Xuvia coas mulleres operarias da fábrica de textís, que cobran salarios moi inferiores aos dos homes da fábrica. Van á casa das persoas acaparadoras e, ao non seren recibidas polo alcalde de Narón, comezan a protestar e a tirar pedras. Respóndenlles con disparos e temos conta das primeiras persoas feridas de bala na cabeza da Revolta Popular de marzo de 1918: Josefa Naval Luaces e Rosa Tenreiro Ameijeiras. Na revolta serán detidas mulleres ás que se condea por “rebelión” con xuízos militares inxustos.

Baixo o lema “temos fame! Abaixo os acaparadores!" maniféstanse en Ferrol e en todos os recunchos da comarca: asaltos dos trens en Fene con centos de mulleres deitadas nas vías do tren, comisión de mulleres en todas as vilas, apoio dos asteleiros e arsenal de Ferrol e Fene, folgas, mítines masivos e solidariedade, moita solidariedade. O eco chegou a media Europa e outras revoltas de mulleres teñen lugares en sitios como A Coruña, Vigo, Escairón baixo o lema “Aquí bastamos Nós!”. Conseguiron alguns obxectivos: demisión de alcaldes, baixada de prezos e, ese mesmo ano, a declaración “da igualdade de dereitos para o home e a muller” por primeira vez na península. Un monumento será erguido en 1933 en Sedes, pagado a través dunha colecta popular mais o fascismo tirouno en 1936 cando a represión será brutal de novo.

Sociedade

Publica o teu comentario agora