Homenaxe aos bombeiros voluntarios

Homenaxe aos bombeiros voluntarios
27 de Outubro, 2019 - 11:03 h. | Publicada por Radio Fene

O incendio da ferraxería Isasi na rúa Mercaderes 21 da Habana supuxo a institucionalización do Dia do Bombeiro en Cuba. Recoñécese así todos os 17 de maio á xente esforzada que pon en risco á súa vida para sufocar os lumes e salvagardar vidas e facendas. Despois do lume, un dos propietarios do establecemento será José López Martínez, nacido en Redes (Ares Galicia) en 1881.

ESCOITA O PODCAST:
Antiga ferraxería Isasi. A Habana. Outubro 2019

“Cando meu avó veu para aquí, en 1894 coincidiu co señor Aspuru e empezou na ferraxería Isasi de neno de recados. Chegou a ser un dos donos do establecemento. José López traballou alí ata 1927” lembra a súa neta Marisa Naveiro. 
17 de maio de 1890. Sobre as dez e media da noite desátase o lume na Ferraxería Isasi, situada na rúa Mercaderes esquina a Lamparilla, no actual municipio da Habana vella. O propietario do local, Isasi, non declarara a importación e almacenamento ilegal de varias sustancias inflamábeis (pólvora e dinamita) nin informou aos bombeiros da súa existencia. Entraron ao inmoble sen coñecer a perigosidade da mercadoría almacenada. Cando as chamas se facían incontrolábeis desde fora, os bombeiros estimaron necesaria a apertura dun furado nunha das portas do establecemento co propósito de pasar una mangueira e organizar a extinción desde o interior da ferraxería. Ocorreron dous estoupidos, un detrás doutro e os cascallos obstruíron a rúa Lamparilla. Faleceron trinta e nove persoas entre bombeiros, axentes da orde pública e transeúntes. Xente voluntaria integraba os corpos de prevención e polo seu labor non recibían retribución económica. O lume converteuse nun desastre que provocou una cuestación pública, un sentimento nacional de solidariedade. O Concello da Habana decidiu erixir no cemiterio de Colón, un monumento aos bombeiros caídos. O mausoleo, do escultor catalán Agustín Querol Subirats, mostra catro figuras de tamaño heroico que simbolizan a abnegación, a dor, o heroísmo e o martirio. No inmoble onde ocorreu o sinistro, colocouse una lápida en lembranza do feito e en 1995, inaugurouse una sala museo, adicada aos bombeiros. A antiga ferraxería Isasi foi un dos lugares visitados en outubro de 2019 na viaxe organizada pola Agrupación Instrutiva de Caamouco.

Sociedade

Publica o teu comentario agora