Homenaxe a Lamas Carvajal

Homenaxe a Lamas Carvajal
15 de Decembro, 2023 - 07:11 h. | Publicada por Radio Allariz

A Asociación de Medios en Galego organiza o vindeiro luns 18 unha homenaxe ao escritor Valentín Lamas Carvajal, promotor de “O Tío Marcos da Portela”, primeira publicación escrita integramente en galego e que viu a luz o 7 de febreiro 1876, data na que Amega celebra cada ano o Día dos Medios en Galego. O acto, no que participarán entre outros, o Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia Valentín García e o historiador Afonso Vázquez-Monxardín, terá lugar no Liceo de Ourense a partir das 11 da mañá. 

Dia dos Medios en Galego

Lamas Carvajal é unha das figuras senlleiras do xornalismo galego. Case cego, a súa obra literaria e eriodística demostra un enorme tesón, superación persoal e confianza no labor que desenvolvía. “O Tío Marcos” acadou un gran éxito e a súa tirada chegou aos 4.000 exemplares nun momento histórico no que había importantes índices de analfabetismo. As claves foron a ironía e o humor da publicación así como a conexión dos temas que trataba coas preocupacións dos labregos. Ademais da homenaxe a Lamas Carvajal, falarase tamén de Basilio Álvarez -sacerdote, xornalista, político e fundador do movemento agrario Acción Gallega- que foi autor dun novidoso Manual de Xornalismo a comezos do século XX. Sobre a figura do coñecido como “abade de Beiro” vén de publicar unha completa biografía o profesor Miguel Cabo, denominada "A vida desmedida de Basilio Alvarez".

 

Na imaxe presentación do Dia dos Medios en Galego 2023 en Santiago de Compostela con Grande Amore e Ortiga. A Asociación de Medios en Galego declarou o 7 de febreiro como Dia dos Medios en Galego para lembrar a data da publicación de "O Tio Marcos da Portela" primeira publicación periódica integramente en galego. Celébrase desde 2018, ano no que o presidente do Parlamento de Galicia Miguel Santalices deu lectura na cámara a unha declaración institucional respaldada por todos os partidos políticos sumándose á conmemoración.

 

Cultura

Publica o teu comentario agora