Homenaxe a unha vítima do franquismo

Homenaxe a unha vítima do franquismo

17 de Agosto, 2014 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Os socialistas renovaron onte a homenaxe ao republicano Ramón Souto, alcalde de Fene fusilado o 16 de agosto de 1936 xunto a outros compañeiros de corporación pola sinrazón do golpe de Estado de Franco. Un nutrido grupo de militantes do PSdG PSOE acudiron á cita diante do monumento á Memoria no paseo marítimo de San Valentín (Fene). Os dous militantes de maior e menor idade foron os encargados de colocar as flores tricolor ao pe do monumento.

    O secretario local dos socialista feneses, Antón Noceda, dirixiu unhas palabras ao público, entre o que se encontraba a concelleira ferrolán, Natividad González Laso. Noceda lembrou a Ramón Souto e o acontecido no 1936 pero tamén recordou a un militante da localidade, Genaro Fernández Ares, falecido recentemente, para quen pediu un minuto de silencio e amosou o agarimo do partido á súa familia.
    O secretario local, como é costume cada ano neste acto, recomendou aos presentes a lectura dun libro que fala da memoria dos demócratas. Nesta ocasión "El exilio de los marinos republicanos" de Victoria Fernández, no que se narra a peripecia que tiveron que pasar na súa fuxida da morte segura.
    O acto, que comezou ás 12 da mañá, rematou minutos despois compartindo os asistentes un aperitivo nun local de hostalería próximo ao monumento.

Sociedade