The Homens e Seivane no Alovi das Pontes

The Homens e Seivane no Alovi das Pontes

13 de Setembro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Eume

O Concello de As Pontes- A Coruña) albergará, durante este mes, dous dos concertos incluídos no programa Galicia é Música, posto en marcha pola Consellería de Cultura co fin de conmemorar o ano da música na comunidade galega e, deste xeito, render unha homenaxe á música galega e á industria musical de Galicia. Ata As Pontes desprazaranse o grupo pop The Homens e a gaiteira Susana Seivane.

 A formación santiaguesa presentarase no escenario do auditorio municipal Alovi o 23 de setembro, cun repertorio marcado polos sons de finais dos anos 70, o hardcore dos 80 e o pop británico das últimas décadas.

LeRoi, Martín Wu e o batería pontés Xocas integran esta formación que xa conta con máis de seis anos de traballo, 200 concertos e varias publicacións coma Cuarta Potencia, The Homens vs. Samesugas ou #1.

Este concerto arrincará ás 21.00 horas e o prezo das localidades será de 3 euros podendo adquirirse a mesma semana da actuación na billeteira do auditorio municipal Alovi.

Mesmo prezo terá o concerto de Susana Seivane que se celebrará o día 30 de setembro ás 21.30 horas tamén no Alovi.

A gaiteira traerá ata o escenario pontés os temas de Os soños que volven, o seu derradeiro album e que serviu para conmemorar a década xa cumprida do seu primeiro traballo discográfico.
Esta recompilación de temas populares que a gaiteira galega escolleu para rememorar os seus inicios no mundo da gaita encherá o Alovi de sons do máis tradicionais pero cun toque moi moderno, propio das composicións de Susana Seivane.

Sociedade