A horta científica de Palas de Rei

A horta científica de Palas de Rei

25 de Marzo, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Arzúa

Os alumnos de 4º da ESO e 1º de bacharelato do Instituto de Palas de Rei levaron a cabo a prantación de 25 árbores nun proxecto de creación dunha horta de árbores froiteiras. A inciativa desenvólvese mediante patróns francos de pereiras, maceiras, cerdeiras e ciroleiros entroutros exemplares para logo inxertalos con outras variedades xenéticas. Todo para que o ano que vén os inxertos dean os seus froitos.

Neste proxecto científico pasouse por distintas fases. Primeiro investigáronse as distintas árbores froiteiras que tiñan nas súas casas e logo fíxose o estudo e a selección por antiguedade. Un traballo ao que se lle quere dar continuidade no tempo.

No Concello de Palas de Rei tivo lugar o paso duns pelegríns moi especiais. Cinco presos do cárcere de Monterroso que están a facer o Camiño de Santiago acompañados polo director do centro penitenciario, foron recibidos polo tenente alcalde, Pablo taboada e outras autoridades. Un exemplo de inserción social dos internos.

Tamén hai novidades en materia cultural. Así impartirase un curso de 75 horas lectivas para obter o Celga 3 e perfeccionar o idioma galego. Arrinca este luns 29 de marzo e desenvolverase de luns a venres de oito da mañá ás tres da tarde. Ata o momento hai 33 persoas inscritas pero o prazo para anotarse aínda non se pechou.

Sociedade