As hortiñas do confinamento

As hortiñas do confinamento
25 de Maio, 2020 - 10:59 h. | Publicada por Radio Fene

Das compras compulsivas de marzo á normalidade de maio. Así discurriron as vendas de productos relacionados co mundo agrícola, en Piensos San Marcos de Sillobre e Comercial Agroeume en A Capela e As Pontes. No medio de todo isto, adiantouse a venda de planta de horta.

ESCOITA O PODCAST:

Ao principio da alarma sanitaria o comportamento da clientela foi compulsivo, nervioso, froito da incerteza. “Pasou un pouco como nos supermercados” afirma Juan Agromartín, de Pensos San Marcos, de Sillobre que tamén ten tenda na Capela e nas Pontes baixo a firma Agro Eume.  Dentro dos malos tempos que correron para o comercio en xeral coa declaración de alarma sanitaria, houbo un sector que puido seguir aberto e vendendo os seus produtos. Este foi o da alimentación animal, pensos, fertilizantes  e venda de aves. En xeral foilles ben pero pasaron por diferentes fases durante a alarma sanitaria. A segunda quincena de marzo foi de compras compulsivas, en grandes cantidades polo que puidera pasar. Abril respondeu á aceptación da nova situación. Menos compra na tenda e máis reparto a domicilio, con adquisicións máis escalonadas. Produciuse un adianto das compras de produtos para a horta, quizás debido ao bo tempo reinante. Notouse que ”houbo xente urbana que se confinou no rural e empezou a plantar a súa primeira hortiña para entreterse”. En maio volveuse á normalidade, conclúe.

En Pensos San Marcos atopamos todos os produtos relacionados co mundo agrícola; pensos, abonos, fertilizantes, sementes, fitosanitarios, alimentación de mascotas, e tamén polos e galiñas. Adoptaron as medidas especiais de hixiene e seguridade, delimitando os espazos nas tendas e utilizando Equipos de Protección Individual e pantallas, así como reorganizando o reparto a domicilio, practicamente sen recargo. En total, entre as tres tendas, traballan nesta empresa seis persoas que houbo que reforzar cunha máis durante a alarma sanitaria para o reparto a domicilio. A primavera é a época forte deste sector. O verán é máis baixo, a non ser que aumenta a venda de todo o relacionado con antiparásitos e insecticidas. Juan Agromartín quixo agradecer á clientela a súa fidelidade en tempos tan extraordinarios como os que vivimos e tamén tivo palabras de agradecemento para os transportistas polo seu traballo impagable.

Sociedade

Publica o teu comentario agora