A indefinición convida a agardar

A indefinición convida a agardar
02 de Xuño, 2020 - 10:36 h. | Publicada por Radio Fene

A festa da orella quizas non se faga a finais de agosto pero non descarta a directiva de Limodre recuperala máis tarde.

ESCOITA O PODCAST:

“De momento permaneceremos pechados” contesta a presidenta da AVV de Limodre. Ana Santiago e a directiva da entidade veciñal prefiren agardar a que a situación permita ter algún tipo de actividade porque de momento a incertidume está aí. Declara a presidenta que van aproveitar para facer unha limpeza e desinfección a fondo das instalacións así como algún retoque. A directiva da asociación veciñal de Limodre debate estes días como será a volta do verán. Polo momento, as actividades que tiñan previsto para xuño e xullo, vanse paralizar porque “a indefinición das condicións nas que se poden facer as cousas, déixanos de momento parados” declarou Santiago.

Preguntámonos qué pasará coa festa da orella que celebran a finais de agosto e que é quizás a festa máis multitudinaria da parroquia. Responde Ana Santiago que é unha festa que precisa moita planificación e moito traballo. “A estas alturas xa deberamos ter todo pechado e non é así pola inseguridade que temos neste momento” afirma a presidenta. Iso sí, non queren perdela así que, de non ser en agosto, retomaríana máis tarde. Sobre como pasou o confinamento, Ana Santiago responde que “os ricos que temos horta á que sair, pasamos un confinamento bo”.

Cultura

Publica o teu comentario agora