Indurain remata o Camiño de Santiago

Indurain remata o Camiño de Santiago

24 de Xuño, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Arzúa

O cinco veces ganador do Tour de Francia, Miguel Indurain, culminou este mediodia o Camiño de Santiago en bicicleta. O ciclista encabezaba un pelotón dunhas 50 persoas, entre directivos e empregados da firma AC Hoteles. Destacou a dureza do último tramo, ainda que amosou a súa disposición a repetir a realización do Camiño, ainda que para facelo como peregríns de a pé.

O ciclista fixo parada no día de hoxe en Arzúa na súa última etapa antes de chegar a Compostela a mediodía. A lenda viva do ciclismo está estes días percorrendo o Camiño de Santiago á cabeza dun pelotón ciclista comandado por Antonio Catalán, presidente da cadena hoteleira AC. Xunto con Miguel Indurain percorren o Camiño Francés unha comitiva de arredor de 50 persoas, entre directivos e empregados de AC Hoteles, tamén o acompaña a súa muller Marisa.

O pelotón fixo esta mañá parada en Arzúa pouco antes das 11 horas, despois de percorrer a distancia desde Sarria, punto de partida desta última etapa que rematarán na Catedral de Santiago.

En Arzúa a comitiva preparou un aperitivo para todos os integrantes do equipo coa finalidade de repoñer forzas para rematar o último tramo ata Compostela. O punto de avituallamento estaba situado na Praza de Galiza, onde numerosos veciños convertiron a Indurain no protagonista do día; del recibiron palabras de amabilidade ante cada instantánea ou autógrafo que solicitaban da súa persoa.

Precisamente, foi a humildade de Miguel e a súa amabilidade o que máis cautivou aos veciños de Arzúa; dúas cualidades que tamén teñen definido a súa longa e exitosa traxectoria profesional e das que hoxe deixou boa constancia na Terra do Queixo. Precisamente, neste último produto centrou Indurain o seu interese preguntando as características que fan do noso un produto valorado e recoñecido internacionalmente.

O alcalde de Arzúa, Xaquín García, e o tenente de alcalde, Leonardo Bermúdez, desprazáronse ata a Praza de Galicia para saudar ao ciclista e a toda a comitiva. Indurain interesouse por coñecer datos referentes a Arzúa como o número de habitantes ou as principais actividades económicas que definen ao noso pobo. Mostrouse sorprendido pola numerosa cantidade de peregríns que percorren o camiño e pola fermosura das paisaxes.

Miguel Indurain percorreu o Camiño acompañado da súa muller Marisa, quen sinalou que é a primeira vez que realizan o Camiño Francés en bicicleta e salientou a dureza deste último tramo se ben amosáronse dispostos a repetir, pero esta vez para facelo como peregríns de a pé.

As 11.30 horas o pelotón partía cara Compostela, onde tiñan previsto escoitar unha Misa ás 13.30 horas para, xa pola tarde, coller o camiño de volta a Navarra en coche. A propia Marisa indicaba que mañá mesmo xa teñen que estar en París para un novo acto no que participa Indurain.

O alcalde de Arzúa fíxolle entrega dun prato conmemorativo da Festa do Queixo para que “levase un recordo  do noso maior símbolo de identidade no mundo”, un xesto que Indurain agradeceu coa amabilidade que o caracteriza.

Sociedade