Inflexibel na defensa do galego

Inflexibel na defensa do galego

23 de Xaneiro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por

A Real Academia Galega elexiu este mediodia como presidente ao escritor ourensán Xosé Luís Méndez Ferrín con 20 votos favorabeis e 3 abstencións. O autor de Percival e outras historias afirmou a súa vontade de manterse inflexíbel na defensa do idioma galego, ainda que precisou o seu desexo de que a institución sexa o menos mediática posíbel. Expresou tamén a súa intención de continuar

Xunto a Ferrín, conformarán a Executiva Xosé Manuel Axeitos, que até o de agora ocupaba o cargo de arquiveiro-bibliotecario e que pasa a ser secretario, mentres que Manuel González, que ostentaba esta responsabilidade, asumirá a tesouraría. Con Ferrín, incorpóranse á Executiva Francisco Fernández Rei, novo vicesecretario, e Euloxio Ruibal, novo arquiveiro.

Méndez Ferrín convírtese no undécimo presidente da Academia, en sustitución de Xosé Ramón Barreiro, que ocupou o cargo desde o 2001 e que, tras duas lexislaturas, abandona a presidencia en cumprimento dos seus estatutos.

 

 

Nacido en Ourense o 7 de agosto de 1938, Ferrín fundou nos anos sesenta en Madrid o grupo literario Brais Pinto. Compaxinou a  súa vertente literaria coa docente e política como fundador da Unión do Pobo Galego (UPG) e con posterioridade como militante da organización Frente Popular Galega (FPG).

Xosé Luís Méndez ´Ferrín foi proposto ao Premio Nobel de Literatura no ano 1999 pola Asociación de Escritores en Lingua Galega. Foi galardoado con numerosos premios como o da Crítica de Narrativa galega, o da Crítica Española, o da Crítica Galicia, o Losada Diéguez ou o Eixo Atlántico. En 2008 gañou o Premio Nacional da Cultura Galega na categoría de Literatura.

Doutor en Filoloxía xubilouse recentemente no seu posto de profesor de literatura no Instituto Santa Irene. Tamén é columnista no xornal Faro de Vigo e dirixe a revista de pensamento crítico A Trabe de Ouro, que ten marcado de xeito notábel na última década o devir da nosa cultura coa difusión de problemas e investigacións sobre cuestións diversas con aproximacións interdisciplinares e baixo unha dupla perspectiva nacional e universal. Ferrín é  Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo.

Cultura