Información e formación arredor da sustentabilidade

Información e formación arredor da sustentabilidade

13 de Decembro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Ordes

O Concello de Ordes organiza dende a súa Concellería de Medio Ambiente, en colaboración coa Concellería de Urbanismo, por petición dos veciños, unha serie de xornadas informativas e formativas para a sustentabilidade vinculadas ó Plan Xeral de Ordenación Municipal. Unhas xornadas que están enmarcadas no programa de educación vinculado ao PXOM que xa se levara a cabo o mes pasado no Concello.

As xornadas están destinadas a promover a participación activa da cidadanía na elaboración de propostas con criterios de sustentabilidade que afectan ao territorio local onde se desenvolve o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). 

Estas accións formativas e informativas terán lugar durante esta semana, o xoves 16 de decembro ás 10 horas no Local Social de Vilamaior e ás 16 horas no Local Social de Barbeiros; e o 17 de decembro ás 10 horas no Local Social de Leira.  

Segundo palabras do concelleiro de Medio Ambiente, Jesús Pedreira, “o programa contempla a posta en marcha de foros de debate para fomentar a participación dos asistentes, animando á poboación a xerar distintas propostas que se terán en conta á hora da revisión do planeamento, beneficiando así tanto ás persoas que os leven a cabo como ao Concello de Ordes. As presentes xornadas farán fincapé en determinados puntos como o medio natural, a xestión do territorio, mobilidade sustentable, urbanismo e paisaxe, xestión integral da auga ou actividades que provoquen impacto ambiental no territorio”. 

Para máis información sobre as diferentes propostas chamar ó teléfono de contacto do Departamento de Medio Ambiente do Concello de Ordes no 981 68 00 02.

Sociedade