Inglaterra achégase a Sotavento

Inglaterra achégase a Sotavento

31 de Marzo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O Parque Eólico Experimental Sotavento recibiu onte unha visita especial. Un grupo de estudantes de Bacharelato do colexio Woodhouse Grove School, de Apperley Bridge, en West Yorkshire, zona situada no norte de Inglaterra, achegouse ata Momán, en Xermade, para realizar unha visita didáctica por esta institución científica.

A visita non se reduciu a unha mera contemplación da paisaxe e a un paseo polas instalacións, senón que o persoal do centro facilitou aos rapaces que entrasen en contacto directo coas enerxías renovables da man de instalacións reais en funcionamento.

Os alumnos descubriron a importancia que ten o aforro e a eficiencia no uso dos recursos naturais de cara a acadar un desenvolvemento sustentable. Tamén coñeceron os proxectos que se están a desenrolar na Fundación Sotavento Galicia no eido das enerxías renovables, algún deles pioneiro a nivel europeo.

Asemade, este grupo británico puido visitar unha das exposicións temporais que Sotavento ten ao longo do ano. “Descubrindo o tempo” amosou aos alumnos da Woodhouse Grove School conceptos básicos do tempo meteorolóxico que aparecen a diario nas nosas vidas, ademais de realizar un achegamento a factores esenciais do clima da Terra como é o efecto invernadoiro.

Sociedade