A inocencia da Arte

Pequenas crianzas coa Arte ou a Arte das pequenas crianzas de 0 a 3 anos.
15 de Maio, 2019 - 01:14 h. | Publicada por Radio Fene

A Casa da Cultura de Fene alberga desde mañá a mostra do alumnado da Escola Infantil A Galiña Azul “Pequenas crianzas coa arte”. Poderá visitarse do 16 ao día 30 de maio.

A sala de exposicións temporais da Casa da Cultura de Fene inaugura mañá xoves unha mostra moi especial co título "Pequenas crianzas coa arte", do alumnado da Escola Infantil A Galiña Azul do municipio. Permanecerá ata o 30 de maio nas instalacións culturais e o horario de visitas será de luns a venres, de 10 a 13 e de 16 a 21 horas, e os sábados, de 10 a 13 horas. Así mesmo, o xoves 23 de maio, todo o alumnado da Escola Infantil realizará unha visita á exposición da Casa da Cultura e á biblioteca. Será en horario de mañá.

No mes de maio o centro inicia a programación "O Tempo das Artes", onde a música, a pintura, o teatro, a danza e a poesía teñen un pouco máis de relevo ca de costume. As crianzas son grandes artistas que gozan mergullándose en cores, formas, texturas e sons que aloumiñan os seus sentidos. Actuacións musicais, contacontos, dramatizacións e obradoiros coas familias son o previo á exposición "Pequenas Crianzas coa Arte" na que se poderán contemplar cadros, esculturas e siluetas de tamaño real das crianzas.

Cultura

Publica o teu comentario agora