As institucións non cumpren o seu papel, segundo Leiceaga

As institucións non cumpren o seu papel, segundo Leiceaga

24 de Febreiro, 2013 - 12:00 h. | Publicada por Radio Negreira

No pasado mes de decembro faleceu Ceferino Díaz, considerado como a alma galeguista do socialismo. Un feixe de militantes do PSdeG semellan querer recuperar os ideais do profesor de Escairón para impulsar a rexeneración da formación política liderada na actualidade por Pachi Vázquez. Xaquín Fernández Leiceaga explica a urdime desta iniciativa.

Novo Socialismo Galego (NSG) saíu á palestra a pasada semana e oficializou o seu nacemento dentro do PSdeG tras facer público o seu manifesto Por un novo socialismo galego. A Galicia que queremos. O partido que necesitamos. Con este documento, o foro que lidera Xaquín Fernández Leiceaga procura "abrir o debate de ideas" no partido, pero tamén axudar a que se celebre un Congreso "antes do verán" e que a elección do secretario xeral se leve a cabo a través de primarias abertas e "sen intermediarios".
Entre os apoios a este documento encóntranse, entre outros, Mar Barcón, Antón Louro, Iván Puentes (ex alcalde de Fene) ou Silvia Fraga, ex deputada no Parlamento. Leiceaga aclarou que foi "a crise económica social derivada nunha crise política de enorme profundidade na esquerda" a que os levou a apostar por este foro. "En Galicia esta crise é particularmente grave no ámbito progresista que, como ben indican os resultados electorais, cae sobre un PSdeG que xera escasa confianza e que ten un liderado débil", sinalou.
O obxectivo deste manifesto, segundo engade Leiceaga, é facer "unha chamada urxente, seria, responsable e racional" para "unha rexeneración interna" no partido e poder así "construír un proxecto para a maioría dos galegos desde valores progresistas". Para conseguir este proxecto "homoxéneo, horizontal e aberto á sociedade", o NSG aposta pola aplicación "extensiva" do principio de "un militante, un voto" e a elección "sen intermediarios" do secretario xeral.
Pero ademais, esta plataforma vai máis aló e avoga tamén por levar a cabo primarias abertas á cidadanía progresista para a elección de candidatos tanto á presidencia da Xunta de Galicia como á alcaldía dos municipios galegos.
Por outra banda, NSG tamén avoga pola aplicación "extensiva" do principio de transparencia a todo o ámbito público e por permitir a presenza dos grupos da oposición en todas as comisións de contratación no ámbito local. "Facemos unha reflexión interna das causas da esclerose do partido como instrumento de representación en primeiro lugar da militancia pero tamén do conxunto da sociedade", sinalou Xaquín Fernández Leiceaga antes de manifestar a "necesidade de facelo máis horizontal, aberto á sociedade e que incorporar a intelixencia ao labor político".
NSG tamén quere incluír no debate social a necesidade de "repensar a fondo" o modelo institucional que, como considerou Leiceaga, "hoxe está en cuestión" debido a que "as propias institucións non están a cumprir o seu papel". Neste sentido, apostou por "suprimir as deputacións, que non achegan ningún valor engadido" e "repensar unha planta institucional" na que "a transparencia debe de ser norma de conduta" e na que "haxa tolerancia cero coa corrupción".
Por último, o manifesto tamén considera necesario "repensar o sistema fiscal de arriba a abaixo" para que "conseguir que todos os cidadáns paguen en función das súas capacidades económicas" pois "só desa forma se conseguirá un estado que poida soportar os gastos sociais aos que os cidadáns teñen dereito".

Sociedade