Intentan asaltar cun camión unha caixa de aforros en Ourense

Intentan asaltar cun camión unha caixa de aforros en Ourense

11 de Novembro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Allariz

A Garda Civil frustrou esta madrugada un asalto con alunizaxe a unha entidade bancaria no sur de Ourense. Segundo informa o instituto armado nun comunicado, o suceso tivo lugar en Entrimo, na zona do parque natural de O Xurés.

Ás 3.10 a comandancia de Ourense recibiu unha chamada de alerta que informaba dun intento de roubo nunha sucursal de Caixanova nesta localidade ourensá, próxima á fronteira con Portugal. Unha patrulla de servizo dirixiuse ao lugar. Cando chegaron os axentes, atopáronse cunha persoa encapuchada no medio da estrada que une A Meixoeira coa N-540. Ía armado e apuntáballes. Detiveron o vehículo, déronlle o alto e realizaron varios disparos intimidatorios. Había outros dous asaltantes. Estaban dentro dun camión guindastre que utilizaron para facer unha alunizaxe e entrar na sucursal.

O seu obxectivo era o caixeiro automático, pero antes de facerse co botín foron sorprendidos polos gardas. Ante a irrupción dos axentes, os outros dous asaltantes baixáronse do camión guindastre, que fora roubado nunha empresa de prefabricados do Carballiño. O tres lograron subir a un vehículo que aparcaran nas inmediacións e déronse á fuga en dirección a Portugal. A Garda Civil séguelles a pista.

Sociedade