Isidro Parga Pondal, o científico da terra

Isidro Parga Pondal, o científico da terra

07 de Decembro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Culleredo

Elaborou o primeiro texto científico en lingua galega. Parga Pondal nace o 17 de Decembro de 1900 en Laxe. En 1914 morre o seu pai, polo que vai ser o seu avó, Don Isidro Pondal Abente (irmán do poeta Eduardo Pondal), o que inflúa decididamente na súa vocación pola química. Un monolito lembra o seu nome e a súa obra no Paseo das Ciencias, no parque de Santa Margarida na Coruña.

En 1920 Isidro marcha a Madrid para estudiar Ciencias Químicas, obtendo en 1923 un posto como auxiliar de Química Inorgánica e Analítica na recentemente creada Facultade de Ciencias de Santiago. Ó ano seguinte entra a formar parte do Seminario de Estudios Galegos.

En 1936, a consecuencia das súas ideas galeguistas e a súa amizade con Castelao, é expulsado da Universidade de Santiago. Retírase a Laxe onde se fai cargo da empresa “Kaolines de Lage S.A.” e funda o Laboratorio Xeolóxico de Laxe no que traballará ata o ano 1969, ano do seu retiro.

A finais da década dos 70 morren a súa dona e un fillo, o que supón un duro golpe para Isidro que decide abandonar o Laboratorio e entregarllo a Isaac Díaz Pardo que o traslada a O Castro de Sada. Isidro Parga Pondal falece o 4 de Marzo de 1986 ós 85 anos de idade. Actualmente o laboratorio que el fundou sigue en activo.

Cultura