A Jorge Juan de Perlío solidarízase con Haití

A Jorge Juan de Perlío solidarízase con Haití

26 de Xaneiro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A crise humanitaria que se vive en Haití, a raiz do terremoto rexistrado días atrás, está a mobilizar á comunidade educativa do colexio Jorge Juan de Perlío. Profesores e alumnos desenvolven ao longo desta semana unha campaña co obxectivo de recaudar fondos para o pobo haitiano.

A axuda canalizarase a través da Cruz Vermella, segundo explicou a Radiofusión a directora do centro. Mónica Padín afirmou que "era case unha obriga moral ensinar aos nosos rapaces que en catástrofes coma ésta, a nosa axuda, por pequena que sexa, é necesaria". 

A iniciativa xordiu no claustro de profesores e foi aprobada por unanimidade, procedendo xa a pasada semana ao envío dunha circular aos pais e nais dos alumnos para solicitarlles a súa axuda. A directora da Jorge Juan explicou que agora os profesores irán pasando o peto por cada unha das aulas. A maiores, os alumnos do último ciclo de Primaria e do primeiro de Secundaria realizarán un traballo de pescuda e seguemento da catástrofe a partir de novas publicadas en prensa e internet. Co material seleccionado, o próximo venres realizarase unha exposición (coincidindo ademais cunha xornada de portas abertas que se organiza no marco desta campaña).

O programa de actividades completarase cunha charla -pendente aínda de confirmación- por parte dun voluntario da Cruz Vermella e cun acto simbólico que se celebrará tamén o venres, víspera do Día Escolar da Non Violencia e a Paz. Como broche da campaña, alumnos e profesores do centro fenés realizarán un mural humano no patio do colexio, reproducindo a palabra "paz".

Sociedade