José Blanco anunciou a Francisco Jorquera unha rectificación do trazado do AVE a Lugo

José Blanco anunciou a Francisco Jorquera unha rectificación do trazado do AVE a Lugo

26 de Maio, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O Ministerio de Fomento anunciou ao deputado do BNG, Francisco Jorquera, que o AVE a Galicia pasará por Lugo e terá dupla vía. José Blanco contestou a unha das preguntas do representante nacionalista afirmando que “hai unha rectificación do trazado do AVE Lugo-Ourense para que teña dupla vía”.

O parlamentario do BNG formulaba unha serie de cuestións durante a comparecencia do Ministro de Fomento, entre elas, a chegada do AVE a esta provincia. Blanco informou que “Lugo non vai quedar descolgada da dupla vía nin da alta velocidade”. Explicou que se sacará a Estudo Informativo de xeito que non se perda o que se fixo nin supoña perda de tempo. O responsable ministerial tamén indicou que se trataba dunha rectificación do trazado.

 

Jorquera subliñou a posteriori que “tan importante como o AVE é a modernización da rede ferroviaria e a súa adecuación para outros usos como os servizos de proximidade e as mercadorías”. Neste caso, sinalou que non se entendería que houbera un mapa “cun tren do século XXI que convive cunha rede propia da primeira metade do século XX”. Lembrou a Blanco que Galicia carece de servizos ferroviarios de cercanías e preguntoulle sobre o traspaso á Xunta dos tramos que fican en desuso unha vez que estea en funcionamento o AVE.

Nesta cuestión, o Ministro dixo que tamén estaba “disposto a dialogar co Goberno galego sobre os tramos da rede convencional que ficarán en desuso” e asegurou ao deputado do Bloque que “cumprirei coa Resolución aprobada no marco do Debate de Política Xeral a instancias súas”.

Conexións ferroviarias Portos Exteriores Ferrol e A Coruña

En canto aos portos, preguntou ao Ministro de Fomento polas conexións ferroviarias dos Portos Exteriores de Ferrol e A Coruña. Neste tema, o Ministro unicamente afirmou a necesidade de impulsar as conexións ferroviarias cos portos, nos que están os Portos Exteriores de Ferrol e A Coruña. Sinalou que “hai que tomar decisións dacordo co Goberno galego” e afirmou que será un dos temas a tratar co Presidente da Xunta.

Sociedade