José Castro, gañador absoluto do concurso de froitas das Festas das Peras

José Castro, gañador absoluto do concurso de froitas das Festas das Peras

09 de Setembro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Peras, mazás e pexegos con exquisita presentación concurriron esta mañá ao tradicional concurso de froitas das Festas de Pontedeume. Desde as nove da mañá, a Alameda da vila eumesa foise enchendo de medio cento de cestos de froitas engalanados con berzas, follas verdes ou papel brillante de cor. Veciños e veciñas de Pontedeume, Miño, San Martíño do Porto e  Redes concurriron cos produtos das súas hortas.

Ás once da mañá o xurado comezaba a evalúar as cestas de froitas presentadas ao certame. Só se competía con mazás, peras e pexegos en calquera das súas clases. Peras de manteiga morena, peras urraca de auga, peras Mariñán, peras Don Guindo, mazás tabardilla, mazás sangue de touro, mazás Roxelia ou vistosos pexegos repartíanse o protagonismo ante o xurado e os numerosos visitantes. Paralelamente ao concurso realizouse unha exposición de froitas autóctonas da zona. Outorgaron un premio de 200 euros á froita máis antiga que se atopa en perigo de extinción a María Solís do Vilar, por unha cesta de peras Millarengas. Un galardón que se afasta do criterio do xurado da comisión de festas xa que procura a recuperación da froita da zona, explicou para Radio Fene, o presidente da Asociación Galega de Froita Autóctona do Eume, Carlos Fornos. Gañador durante 25 anos do concurso de froitas das Festas das Peras.

O xurado do certame valorou a presencia e a fermosura ao mellor cesto. O gañador dos 150 euros ao mellor cesto de mazás, peras e pexegos foi para José Castro Ares. No apartado de mazás, o primeiro premio de 100 euros recaeu tamén en José Castro, o segundo para Marta López Sande con 60 euros e o terceiro para Josefina Domínguez dotado con 30 euros. Julia Díaz foi a gañadora das mellores peras, seguida por Andrés Tenreiro Freire e María Pena Vidal. En canto aos pexegos, o xurado deu por vencedora a Milagros Solís, segunda quedou Fina Sande Nogueira e terceira Dorinda Iglesias. As contías económicas destes premios son os mesmas que para os gañadores das mazás.

Sociedade