José María Souto Silva toma posesión do seu cargo como concelleiro nun pleno que baixou o soldo ao persoal local de Vilalba

José María Souto Silva toma posesión do seu cargo como concelleiro nun pleno que baixou o soldo ao persoal local de Vilalba

30 de Xullo, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O Pleno de Vilalba conta oficialmente cun novo membro, despois de que onte prometera o seu cargo o socialista José María Souto Silva. Este enxeñeiro de Montes de 41 anos substituirá a Sonia Verdes ata o final da lexislatura, tras a renuncia da actual parlamentaria en Compostela para dedicarse ás súas labores como representante por Lugo en San Caetano.

Pero esta novidade non foi o único aspecto tratado no pleno de onte (xoves 29 de xullo), posto que o reducido aforo, no que faltaban varios membros do PPdeG, PSOE e o único do BNG, Xosé Manuel Irimia, debateu diversas cuestións relacionadas coa política local.

A primeira delas foi a aprobación por unanimidade da adopción do Decreto Lei do Goberno Central polo que se adoptan medidas extraordinarias para reducir o déficit público e que suporá a rebaixa do soldo dos funcionarios municipais. A voceira do grupo socialista, Elba Veleiro, interesouse polo persoal prexudicado e quixo confirmar o número de traballadores afectados e se incluía tamén aos participantes nos programas de cooperación e do obradoiro de emprego, ao que o equipo de goberno contestou que “serían entre 45 e 47 as persoas de ambos programas os que se virían afectados, ademais do persoal do Parque Acuático”.

A polémica neste segundo punto da orde do día chegou cando a propia Veleiro pediu ao alcalde da vila, o popular Gerardo Criado, “que se baixase tamén o seu soldo como fixeron o resto de alcaldes e membros da administración”, ao que o edil chairego contestou puntualizando que “esta medida non forma parte do Decreto do Goberno, e é tan só unha recomendación da FEGAMP”. O propio Criado estableceu que este pleno non era o espazo para levar adiante esta medida e anunciou que revisarán o seu soldo e o do primeiro tenente de alcalde, Jesús Bermúdez, “posiblemente no pleno de presupostos”.

Criado tamén estableceu que a aplicación desta medida do Executivo español permitirá aforrar ao Concello uns 100.000 euros, que se empregarán no remanente de tesourería, na redución do nivel de débeda a longo prazo e no capítulo de inversións.
Subvencións a entidades privadas

Outro dos temas discutidos foi o expediente de subvención a entidades privadas, que foi aprobado gracias aos votos do grupo popular e a abstención dos socialistas. A representante do PSdeG argumentou esta posición na “necesidade de maior transparencia” e pola “prepotencia” de parte do equipo de goberno na concesión destas subvencións, xa que eran numerosas as veces nas que “se saltaron a normativa e o procedemento para esas concesións”. A voceira do PSOE acusou aos populares de “vender como propias esas axudas cando están dadas cos cartos de todos os vilalbeses”, e de “incompetencia por ter que incluír os 25.000 euros destas achegas dentro do expediente de crédito do Concello de Vilalba”. A propia Veleiro reclamou que no futuro se axustasen ao procedemento marcado e unha participación de todos os grupos políticos na adopción desta decisión.
O alcalde de Vilalba, Gerardo Criado contestou afirmando que “o procedemento administrativo foi correcto” e defendeu a xestión dos seus compañeiros das concellerías de cultura e xuventude e deportes afirmando que “fixeron o seu traballo desde o esforzo, o compromiso, a ecuanimidade e a transparencia”.

Preguntas sobre a Xira dos Maiores
O grupo municipal do PSdeG-PSOE inquiriu ao equipo de goberno sobre a polémica relacionada coa falta de fondos da Xunta de Galicia para organizar a Xira dos Maiores, que corría a cargo por enteiro do organismo autonómico e que tivo que ser financiado pola Comisión de Festas de San Ramón baixo a denominación de Día da Terceira Idade.
Segundo a súa voceira, Elba Veleiro, a Xira dos Maiores “é un acto plenamente implantado e que trae multitude de persoas doutros lugares que veñen a desfrutar  dun día de lecer, ademais de aportar a moitos negocios do pobo uns ingresos adicionais importantes”, Por isto, desde a formación socialista falouse de “desprezo sen xustificación”  por parte do presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo, co “pobo de Vilalba”.  

Os socialistas vilalbeses tamén opinaron que a postura do alcalde, Gerardo Criado, foi “pouco clara”, posto que “ou defende a celebración da Xira dos Maiores como sempre e busca o apoio da Xunta para que non se vexa reducido o seu valor, ou terá que xustificar  a decisión do Goberno do PP co seu Presidente Núñez Feijoo ao fronte, que as primeiras de cambio recurta unha achega ao noso concello xa consolidada hai moitos anos e que a propia Conselleira de Traballo e Benestar tanto exaltaba no 2009”.

A posición de Criado foi de defensa da posición tomada polo Goberno de Alberto Núñez Feijóo, posto que “encaixa coa súa política de austeridade o deixar de celebrar este tipo de xiras”. Ademais, o edil popular estableceu que o goberno municipal “axuda e colabora coa Comisión de Festas, tanto con cartos, uns 70.000 euros, como con persoal, que no caso da Xira dos Maiores contribuirá a adecentar e mellorar o terreo onde se leve a cabo”.


Homenaxe a Martín Seco

O Pleno de onte tamén quixo recordar ao socialista vilalbés recentemente falecido Martín Seco Cendán, que formou parte como concelleiro entre 1991 e 2007 trasladando o pésame á familia. Xesto que foi agradecido polo grupo do PSdeG.

Sociedade