Juventino Trigo, elixido alcalde de Fene

Juventino Trigo, elixido alcalde de Fene
17 de Xuño, 2023 - 12:19 h. | Publicada por Radio Fene

Non houbo sorpresas. Juventino Trigo do BNG resultou este mediodía elixido como alcalde de Fene. Os nacionalistas gobernarán en minoría ao non ter asinado un pacto co PSOE para configurar un executivo local. Presentaronse como candidatos ademais de Trigo, o popular Gumersindo Galego e o socialista Joaquín Ayala. Cada un recibiu o apoio dos seus concelleiros. Ao non lograr ningún dos candidatos, a maioría dos respaldos fixada en nove ediles, quedou proclamado alcalde Juventino Trigo, como primeiro da candidatura máis votada. A Corporación de Fene intégrana 7 concelleiros do BNG, 6 do PP, 3 do PSOE e 1 de Esquerda Unida tras os resultados das eleccións celebradas o pasado domingo 28 de maio.  o pasado vinteoito de maio.

ESCOITA O PODCAST:

Sesión plenaria de elección de alcalde de Fene

http://173.255.131.18/audio/170623PLENO.mp3

Fotografía: Xan Xe

Xa na tarde de onte o PSOE de Fene fixo público un comunicado no que aseguraba o seu compromiso para facilitar un goberno de esquerdas na localidade. Tras xuntanzas mantidas co BNG, “evidenciouse a necesidade de abrir unha nova etapa de entendemento para garantir o obxectivo de mellorar a vida da cidadanía deste Concello”. Os tres edil es socialistas votaron polo seu candidato Joaquín Ayala. O PSOE comprometerase co BNG a que, na hipótese de recibir os votos dos ediles do PP, os socialistas absteríanse co que se garantía a elección do candidato nacionalista.
Joaquín Ayala ((PSOE) e Tamara Miragaya (PP) formaron a mesa de idade que dirixiu a sesión plenaria, tomaron aos concelleiros e concelleiras electos promesa ou xuramento de cumprir co seu cargo de acordo coas leis. A concelleira socialista María José Ares Sanmartín prometeu o seu cargo cun feixe de rosas vermellas na man. A edil popular Noemí Carballo tropezou co atril e caeu ao chan o exemplar da Constitución española sobre o que os representantes electos fixeron patente o seu compromiso coa lei. Os ediles do BNG especificaron que prometían por imperativo legal comprometéndose tamén a defender os intereses da veciñanza de Fene e do pobo galego”.  O socialista Ayala -como presidente da mesa de idade- entregoulle o bastón de mando ao alcalde o nacionalista Trigo,o que despertou os aplausos do numeroso público que ateigaba o salón de plenos da Casa do Concello. 
Mocións de censura
A Corporación de Fene debateu dúas mocións de censura nos dous últimos mandatos. A primeira foi asinada polos concelleiros do PP e de Somos Fene contra o alcalde do BNG Juventino Trigo. Nun primeiro pleno en outubro de 2017 non se votou a moción xa que a mesa de idade interpretou que non se cumprían as condicións esixidas pola lei para unha iniciativa desas características. Debateuse en febreiro de 2018 e saíu adiante substituíndo Gumersindo Galego (Partido Popular) ao mandatario nacionalista. A segunda presentárona os concelleiros do BNG, EU e tres do PSOE contra o alcalde do Partido Popular Gumersindo Galego. Debateuse en febreiro de 2020 e saíu adiante elixindo como primeiro rexedor a Trigo (BNG) e retirándolle o bastón de mando ao popular Galego. Despois deses dous axitados mandatos (2014- 2019 e 2019- 2023) este mediodía comezou unha nova lexislatura que se agarda cunha maior estabilidade.

 

Na imaxe Joaquín Ayala (PSOE) entregándolle o bastón de mando a Juventino Trigo (BNG)

Fotografía Xan Xe
 

Institucional

Publica o teu comentario agora