Lía, lúa e Rosalía

Lía, lúa e Rosalía
26 de Febreiro, 2021 - 12:09 h. | Publicada por Radio Fene

"Lúa descolorida" de Lía e Os Peregrinos é unha nova e orixinal versión musical da obra de Rosalía de Castro. Preséntase nun EP recén editado.

ESCOITA O PODCAST:

“Lúa descolorida. Tributo a Rosalía” é o nome do EP que asinan Os Peregrinos coa voz de Lía Pamina. Ela é a detonante do proxecto. Contounos Roger de Flor que Lía ven de Rosalía, o nome que lle puxo e seu pai, coruñés emigrante en Castellón, e “Lúa descolorida” o poema de Follas Novas preferido da cantante. Tras esta conversa, un dia no que Charly Mysterio se encontraba na casa de Roger, puxéronse a compoñer unha canción con este poema. É bonito saber como empezan as cousas. O caso é que logo colleron anacos de poemas do mesmo libro de Rosalía de Castro e compuxeron as catro cancións que compoñen o EP: Lúa descolorida, Por qué?, Follas novas e Paz desexada. Este formato foi unha decisión da discográfica Elefant Records porque é o máis coherente e se adapta ben ao vinilo. Falamos con Roger das melodías que mellor lle ían a estes poemas. “Rosalía encaixa moi ben coa bossa nova” afirma Roger quen non dubidou en poñerlle musica brasileira e pop, ao estilo da nova chanson francaise, aos poemas rosa-lianos que de por si xa son universais. O resultado é marabilloso. Non queda máis opción que escoitalo e disfrutalo.

 

(Na imaxe, obra de Raquel Calvo)

Cultura

Publica o teu comentario agora