A lamprea, bico da sirena entre Catoira e Arbo

A lamprea, bico da sirena entre Catoira e Arbo

26 de Xaneiro, 2014 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

Remontou os ríos galaicos a lamprea. Trae na súa carne a canela dos bosques submarinos, e seica polo sabor da lamprea saibamos o dos bicos das sirenas. Falaba así Álvaro Cunqueiro (1) da lamprea, manxar das grandes mesas que se pode capturar ata o 13 de abril nos ríos Ulla e Miño. Os gastrónomos recomendan comela antes de finais de marzo. Este ano o seu prezo oscila entre os 30 e os 80 euros.

A lamprea (Petromizon marinus) é unha especie piscícola moi particular no que respecta ao seu aproveitamento, no que se seguen a utilizar procedementos e artes tradicionais que están prohibidos para o resto das especies.

Antes a lamprea era abundante en numerosos ríos españois, pero hoxendía só a podemos atopar na cornixa cantábrica e principalmente en Galicia, onde tan só algúns ríos, sobre todo da provincia de Pontevedra, son elixidos por este ancestral e saboroso peixe. A tempada da lamprea comprende de Xaneiro a Marzo, que é cando este peixe remonta o río cara aos areais e pedregales da súa zona alta para a súa desova, o cal tamén supón o fin dos seus días, xa que logo da súa posta morre. No mes de abril, cando pecha a veda celébrase unha festa na súa honra no municipio de Arbo, na ribeira pontevedresa do Miño. Trátase dunha das festas gastronómicas máis antigas de Galicia, xa que a súa primeira edición data de 1961.

 

(1) A lamprea, esa princesa verde. Alvaro Cunqueiro Vida Galega, febreiro-abril de 1963 (recollido en Viaxes e xantares por Galicia).

Sociedade