Lazos de solidariedade

Lazos de solidariedade

20 de Agosto, 2012 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

4.610 persoas acudiron no que vai de ano ao local de Lazos, o "comité Anti SIDA" de Ferrol. Xentes afectadas polo VIH ou en risco de exclusión social reciben ali o almorzo ou a axuda que requiren de educadores sociais. En diferentes programas, representan en medio ano, a mesma cifra das que solicitaron apoio ao longo do ano 2011. Pero o Concello de Ferrol que no pasado exercicio concedeu a Lazos 10.000 euros, reduciulle este ano a cifra a 3.000 euros.

Máis de 30 representantes de entidades sociais e partidos políticos respaldaron esta mañá as peticións de Lazos. Acusaron de insensibilidade ao alcalde de Ferrol José Manuel Rey, "que non nos recibe a pesar de que lle solicitamos unha reunión hai máis dun ano" afirmou o voceiro da entidade Carlos Varela. Esperan no mes de setembro unha solución, pero senon non desbotan convocar movilizacións e pechar a entidade. "Vemos como se prioriza a entidades relixiosas sobre aquelas que utilizan medios solidarios e participativos" indicaron os representantes de Lazos.

 

O Ateneo ferrolán, Lefre de Caldereta, Fuco Buxán, Asamblea de desempregados, SLG, Radio Filispim, Fundaçom Artabria, AVV Esteiro, Causa Galiza, Anova, BNG, EU, PSdeG PSOE e un longo etcétera amosaron esta mañá o seu apoio á entidade que atende aos máis desfavorecidos na rúa Doutor Fleming 8-10 de Ferrol.

 

Sociedade