Lembrando á memoria en San Valentín

Lembrando á memoria en San Valentín

04 de Xullo, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Case desapercibida pasa a escultura da memoria histórica no paseo marítimo de San Valentín. Pero os fillos e os netos dos fusilados, dos represaliados do franquismo saben que aquel perfil érguese con fachenda reivindicando o seu espiritu, as súas crenzas que eran as da liberdade.

O Concello de Fene inaugurou a súa escultura ao Ano da Memoria o 20 de abril do 2006. O monumento pretendía servir de lembranza dos 75 anos desde a proclamación da República, “un anaco da nosa historia que simbolizou as arelas dun pobo por un porvir de recoñecemento dos dereitos nacionais, democracia, progreso, xustiza e liberdade”, segundo se indicaba nunha publicación editada daquela. Afirmábase que “nun curto período,  a II República desenvolveu un intenso labor que se traduciu na aprobación dos estatutos de autonomía de Cataluña e Euskadi, a tramitación do de Galiza, a aprobación do sufraxio feminino, as iniciativas para estender a sanidade, a cultura e a educación, o comezo da reforma agraria, a separación efectiva de poderes,...”

Segundo a publicación Non des ao esquecemento, “foi un tempo de esperanza truncado pola sublevación militar contra o goberno lexítimo, acción que contou co apoio decidido dos réximes fascistas europeos e que nos sumiu na guerra, na brutal represión, na involución dos corenta anos da longa noite de pedra”.

Setenta e cinco anos despois, a Consellería de Cultura e Deportes da Xunta de Galiza promoveu a iniciativa de declarar o ano 2006 como Ano da Memoria, un xeito de render homenaxe e recoñecer o labor de todas as persoas que desde o 14 de abril de 1931 dedicaron a súa vida á loita polas liberdades individuais e dos pobos, de recuperar a memoria dos que, en palabras de Isaac Díaz Pardo, caeron, sen pedir contas nin atacar a ninguén.

A escultura de Loureiro

O Concello de Fene sinalaba que co monumento instalado no paseo marítimo de San Valentín, “o pobo de Fene reivindica a súa memoria e expresa a súa gratitude para quen, dun xeito ou doutro, contribuiron a que hoxe esteamos aquí, nunha nación que empeza a construir o seu futuro”.  A escultura realizouna Xosé Loureiro, utilizando o aceiro. O artista fai nesta peza unha defensa dos materiais modernos e das liñas puras. Encaixa na paisaxe, estruturando o espazo coa que a obra está en comunicación, circundadoo e penetrandoo. O seu sentido vertical e totémico cobra relación co seu entorno, segundo a historiadora do arte Verónica Martínez Delgado.

Sociedade